Inícianse os cursos de formación do programa InserAmes Brión con 80 desempregados participantes
Esta mañá comezaron as xornadas formativas de catro dos dez cursos de formación que se impartirán no marco do programa integrado para o emprego InserAmes Brión para este ano 2013. A formación realizarase en Ames, no Centro de Formación e Emprego e no Centro de Servizos Múltiples, e en Brión, na Aula Cemit dese municipio. O concelleiro de Emprego, Bernardo Moar, visitou esta mañá aos alumnos/as dalgúns destes cursos para coñecer as súas primeiras impresións e expectativas ante a formación que se lles impartirá. As accións formativas do programa InserAmes Brión están destinadas principalmente a menores de 30 anos desempregados e a mulleres de baixa cualificación, aínda que tamén está aberta a outros colectivos con especiais dificultades para acceder a un emprego.
Os primeiros cursos que comezaron esta mesma mañá foron o de operario de almacén, de 200 horas e que se imparte no Centro de Servizos Múltiples de Aldea Nova; o de manipulador de alimentos, dun total de 40 horas e que se ofrece no mesmo lugar; o de atención e coidados especializados a persoas dependentes, que conta con 200 horas e se imparte no Centro de Formación de Ames, e o de inglés básico, de 40 horas e que se realiza entre Ames e a Aula Cemit de Brión. O curso de manipulador de alimentos tamén se impartirá en Brión en horario de tarde a partir do vindeiro mes.
No mes de decembro, poranse en marcha o resto dos cursos de formación para o emprego previstos no programa para o ano 2013. Deste xeito, o Centro de Formación de Ames acollerá o curso de operario/a de caixa-repoñedor/a, dotado con 126 horas; o de eficiencia enerxética en edificios, de 50 horas, e o de informática básica, que conta con 24 horas de formación. Tamén se levarán a cabo dous cursos máis: o de retroescavadora e o de xestión de equipos de traballo. A formación completarase cunha xornada dedicada ao autoemprego que se celebrará na primeira semana de decembro.
Mellora da empregabilidade
En total, este programa dará formación para o emprego a 80 persoas desempregadas de Ames e Brión e conta cun orzamento total de 160.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo.
Trátase xa da sexta edición deste programa de formación que desenvolve o Concello de Ames, sendo a primeira ocasión na que conta coa colaboración do Concello de Brión. Neste 2013, os dous municipios, dentro da liña de colaboración que veñen desenvolvendo, decidiron deseñar un programa conxunto, convencidos de que esta colaboración permitiría prestar de forma eficaz e eficiente o servizo de programa integrado para o emprego e minoraría os custes económicos da prestación illada do mesmo servizo. A finalidade desta iniciativa é posibilitar na actual situación de crise económica a prestación dun servizo que formará aos participantes e permitiría reducir o desemprego nos dous concellos.
Ao rematar a formación, os alumnos/as realizarán prácticas non laborais en empresas. Durante todo o programa, que se prolongará deste este mes de novembro ata xuño de 2014, os alumnos/as contarán co apoio de persoal especializado en asesoramento e formación.
Ademais, e como novidade nesta edición, incluíranse para as persoas participantes neste programa medidas de conciliación da vida laboral e familiar, co obxectivo de que poidan asistir á formación.











