Inícianse as obras de mellora da praza do mercado de Ponte Carreira cunha inversión de 17.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades iniciou esta mañá as obras de mellora da praza do mercado de Ponte Carreira, nas que vai investir un total de 17.167 euros. Uns traballos que inclúen a construción dunha beirarrúa e dunha canle para a recollida de pluviais entre a farmacia de Ponte Carreira e a rúa de Santiago (CP-3802), o que facilitará o acceso dos veciños e veciñas tanto ao mercado ambulante tradicional, que se celebra nesta praza todos os días 12 e 26 de cada mes, como á propia farmacia e ao centro de saúde.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, supervisou o inicio dos traballos de construción desta beirarrúa de 86 metros de lonxitude en formigón coloreado, que terá unha anchura media de 2 metros e estará situada ao mesmo nivel da rúa actual, rematada en aglomerado. A beirarrúa estará separada da calzada a través dunha canle de formigón de 20 centímetros de ancho que permitirá a recollida de augas pluviais. Uns traballos que estarán rematados antes de finais de mes, polo que non interferirán co normal desenvolvemento do mercado.

Roberto Rey explica que a importancia destes traballos radica en que “esta rúa non posúe beirarrúa, de modo que o acceso dos veciños tanto aos postos do mercado como á farmacia e ao centro de saúde faise de forma moi irregular, pasando por unha zona de terra que no inverno, e coas choivas, fan da zona un espazo intransitable”. Unha situación que se acentúa nos días de mercado, pois a vintena de postos que acuden a Ponte Carreira os días 12 e 26 de cada mes non atopan acomodo no espazo da praza, polo que algúns teñen que colocarse nas rúas laterais.

As obras teñen un prazo de execución de dous meses, se ben as previsións do Concello de Frades son poder rematalas en pouco máis dunha semana, se a climatoloxía o permite. O resto dos elementos que compoñen a praza do mercado de Ponte Carreira, que conta cun acabado en formigón visto, e as rúas laterais, realizadas en aglomerado, continuarán coa súa configuración actual.

Os traballos contan cun orzamento de 17.167 euros, dos que o Concello de Frades achega o 25% (4.291,75 euros). Os 12.875,25 euros restantes proceden dunha achega da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia con cargo ao programa de subvencións para a revitalización do comercio de proximidade e potenciación dos mercados existentes, que conta coa cofinanciación do FEDER.

7 de novembro de 2013 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.