publicidade hoxe

Inglés, baile e música configuran as novas actividades que oferta Frades tras o horario escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

Xogando co inglés, técnicas de estudo/apoio escolar, pequebaile e música son as actividades que o Concello de Frades ofrece este ano aos nenos e nenas do municipio para despois do horario escolar e que terán lugar no CPI Pontecarreira. Un programa de actividades no que se mantén o exitoso curso de apoio escolar e no que se inclúen tres actividades: clases de inglés, danza moderna e música.

Entre todas elas, destaca a actividade de Música, que se realizará a partir de xaneiro e que se oferta por primeira vez de xeito conxunto co Concello de Mesía. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “este ano decidimos ofertar a actividade de Música de forma conxunta con Mesía para ver se así conseguimos reunir un grupo mínimo xa que en anos anteriores tivemos peticións pero ningún dos dous concellos conseguiu un número mínimo de alumnos que permita desenvolver esta actividade. Esperamos que, ao organizala de xeito conxunto, si que conseguiremos un número mínimo de alumnos”.

Deste xeito, os Concellos de Frades e de Mesía ofertarán de xeito conxunto aos seus veciños e veciñas tres actividades: música e movemento, teoría da linguaxe musical e práctica instrumental. De reunirse un grupo mínimo de alumnos, as clases comezarían en xaneiro nun lugar aínda por determinar xa que, dependendo do número de alumnos e da súa localización, as clases se celebrarían no CPI de Pontecarreira, na Casa da Cultura de Mesía ou no Multisusos de Frades. Máis información sobre prezos e anotacións nos Concellos de Frades e de Mesía.

Actividades no CPI

Outra das novidades deste ano é “Xogando co inglés”, unhas divertidas sesións para axudar aos rapaces e rapazas de Frades a defenderse en inglés tanto de xeito oral como escrito. Unha vez apuntados, farase unha proba inicial de cara a facer grupos reducidos. As clases, que terán lugar no CPI de Pontecarreira despois do horario escolar, terán un custe mensual de entre 20 e 30 euros (dependendo do número de usuarios). Deste xeito, o Concello de Frades dá cumprimento a unha demanda realizada dende a comunidade educativa.

E a terceira novidade do programa de actividades extraescolares do Concello de Frades é o “Pequebaile”, unha iniciativa que busca que os nenos e nenas xoguen coa música e que aprendan a coordinar os seus movementos e, por suposto, a bailar. A iniciativa, dirixida a alumnos de infantil e de primaria, terá lugar en horario de 15:30 a 16:30 horas no CPI Pontecarreira. O prezo é de 30 euros polo curso completo e é preciso reunir un grupo mínimo de 15 rapaces.

Por último, o Concello de Frades manterá unha das actividades máis exitosas de anos anteriores: técnicas de estudo/apoio escolar. Trátase de clases de apoio escolar para nenos e nenas de Primaria e de Secundaria, tanto de ciencias como de letras, nas que tamén aprenderán técnicas para facer máis sinxela a súa aprendizaxe. Haberá dúas sesións por semana no horario que mellor se adapte ao grupo. O prezo será de 10 euros/mes.

6 de novembro de 2013 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.