Incidencias de tráfico en Cambre
Nos ultimos días a Policía Local de Cambre tramitou dous xuízos rápidos ao localizar dous condutores conducindo baixo os efectos de bebidas alcohólicas.
No primeiro caso a policía observou un condutor no centro urbano de Cambre circulando por unha rúa por dirección prohibida e ao ser identificado o condutor apreciáronselle síntomas de que puidese estar baixo os efectos do alcohol e tras someterse á proba de alcoholemia botou un resultado positivo.
No segundo caso a policía recibiu unha chamada informando de que no Temple un vehículo colisionara contra outro vehículo estacionado e que o condutor se ausentara do lugar. Unha vez localizado o vehículo por esa zona o condutor foi sometido á proba de alcoholemia botando igualmente un resultado positivo.
Ambos os dous condutores foron postos a disposición do xulgado de garda da Coruña acusados de senllos delitos contra a seguridade do tráfico.











