Inaugúrase o novo Centro de Maiores de Ares, situado no baixo do edificio do antigo consistorio
O alcalde de Ares, Julio Iglesias, inaugurou esta tarde o novo centro de maiores, que se ubica no baixo do edificio do antigo Consistorio, na tamén recentemente reformada Praza da Constitución. O acto, no que participaron tamén a concelleira de Servizos Sociais, Victoria Montenegro, o párroco local, Antonio de las Heras, e o constructor responsable da actuación, José Antonio Villa, consistiu nunha merenda á que o Concello convidou ás e os usuarios desta instalación municipal, e nun baile a cargo dun dúo musica, que se encargou de amenizar a tarde.
Como destacaron os responsables do goberno local, a intervención respostou á necesidade de trasladar dito centro do lugar no que se atopaba a outro punto da vila moito máis céntrico e, polo tanto, accesible para as persoas maiores do pobo.
Como se lembrará, as obras foron executadas pola empresa Construcciones y Reformas Villa Rodríguez con cargo a un convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación, que achegou 40.000 dos 52.133,60 euros da mesma. Segundo figuraba no proxecto, neste baixo, que ten 142,20 metros cadrados de superficie construida, incluido o patio, e case 120 de superficie útil, contempla unha ampla zona de lecer e esparcimento con sofás a mesas, un almacén e dous aseos –un deles adaptado-. O centro de maiores é accesible para que todos os usuarios e usuarias poidan facer uso das instalacións municipais.
Pero o proxecto de reforma do antigo concello contempla dúas fases máis. Así as cousas, a segunda fase está deseñada para albergar no primeiro andar un centro de comerciantes –para iso, solicitouse unha subvención á Consellería de Industria e Comercio-, que inclúe tres despachos de seis metros cadrados cada un, dúas salas de reunións –unha de 23 metros e outra de 14-, un distribuidor de case 35 metros cadrados e un aseo.
Finalmente, a terceira fase é para a reforma do segundo andar. Neste caso, o goberno local pretende convertir este espazo nun centro cívico, con tres despachos e unha sala de 32 metros cadrados. Un distribuidor de 28 metros cadrados, un baño e un área para acoller unha radio municipal completan este andar.











