Inaugúrase no patio cuberto do Ceip dos Tilos o gran grafiti impulsado pola Anpa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+
Inauguración do grafiti no Ceip Os Tilos

Inauguración do grafiti no Ceip Os Tilos

A ANPA Cobas, do CEIP dos Tilos, escenificaba esta mañá nun acto público a entrega á comunidade escolar dun gran grafiti que ocupa a parede do patio cuberto. No acto, no que se bromeou co pouco habitual das inauguracións nese centro escolar, estiveron representantes da ANPA, dos mestres e a dirección do centro e do Concello, xa que asistiu o alcalde, Martiño Noriega e a edil de Educación, María Álvarez Garea.

O grafiti naceu graza á idea da asociación de pais e nais que no curso pasado convocaron un concurso de ideas e proxectos para realizar un mural que decorara a gran parede do patio cuberto, un espazo no que os nenos e nenas pasan os recreos cando chove. Un xurado composto por persoas da ANPA, profesorado, alumando e persoal non docente do centro elixiron por unanimidade o proxecto presentado por Noel Pérez, Miguel Peralta e Jesús Ferro. A obra realizouse con pintura plástica e pintura en sprai durante os meses de setembro e outubro.

A idea do grafiti naceu como unha solución para humanizar un espazo moi usado polos cativos e no acto desta mañá destacouse o impresionante traballo gráfico realizado. Por parte da ANPA estiveron representadas as directivas saíntes, que foron os que fixeron o traballo e a entrante, que acaba de tomar posesión. A nai que falou destacou que hoxe se “fai entrega deste mural aos nenos e ó centro xa que son eles os que o van desfrutar e coidar”. O alcalde de Teo, Martiño Noriega, destacou que “esta é unha moi boa idea exportable a outras paredes do Concello”. O director do centro salientou a boa colaboración coa ANPA e co Concello na súa intervención. Todas as persoas que tomaron a palabra destacaron a necesidade da defensa do ensino público.

13 de novembro de 2013 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.