Inaugúrase en Ourense unha exposición para dar a coñecer as árbores máis singulares do país

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A directora xeral da Fundación Félix Rodríguez de la Fuente (FFRF), Odile Rodríguez de la Fuente, e o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, inauguraron hoxe en Ourense a exposición itinerante do proxecto LIFE+ “EnArbolar: Grandes Árbores para a Vida”.

A mostra poderá visitarse no Invernadoiro do Parque de Montealegre de Ourense ata o próximo día 10 de decembro, en horario de 09:00 a 20:30 horas, de martes a domingo.

Trátase dunha exposición de ciencia, cultura, medio e arte dedicada ao patrimonio arbóreo do noso país. Forma parte do proxecto LIFE+ “EnArbolar” (BIGTREES4LIFE) da Fundación Félix Rodríguez de la Fuente, que foi cofinanciado pola Unión Europea e a Deputación de Valencia a través do Departamento de Árbores Monumentais de IMELSA.

O director do Departamento de Árbores Monumentais de IMELSA, Bernabé Moya, explica que esta mostra percorrerá as principais cidades españolas “para facer chegar esta mensaxe de conservación ao maior número de cidadáns posible”.

A exposición permite realizar unha viaxe virtual polas árbores e bosques maduros máis destacados de Galicia e España a través de diferentes paneis e audiovisuais. Ademais, un arboredo de módulos expositivos axudará ao espectador a recoñecer e apreciar a importancia deste patrimonio natural como refuxio de flora e fauna ameazada.

Ademais, componse da obra do acuarelista Fernando Fueyo, que ilustra varios dos exemplares máis fermosos de España a través de retratos ünicos de árbores singulares, entre os que destacan os castiñeiros do bosque de Pombariños; e do debuxante valenciano Paco Roca, Premio Nacional de Cómic 2008, que elaborou catro ilustracións a gran formato sobre algunhas destas árbores, entre as que se encontra a Lloca de Canals (Valencia), que o próximo ano cumpre o centenario da súa plantación.

Igualmente, recolle imaxes de recoñecidos fotógrafos de natureza como Jorge Sierra, Juan Carlos Muñoz, José Díaz e Jonathan Díaz Marbá, que presentan a través da súa obra, o seu particular visión sobre a riqueza árborea española.

Carácter formativo de “EnArbolar”

Ademais do seu carácter artístico, a exposición pretende formar e informar os visitantes sobre os perigos aos que se enfrontan estes seres únicos no mundo, así como sobre os mecanismos dos que dispoñemos para lograr a súa protección efectiva.

Explica tamén como poñer en valor o interese turístico destes exemplares, xa que ben xestionados poden converterse en motor de desenvolvemento sostible en zonas rurais e espazos naturais protexidos.

Así mesmo, e coa intención de sensibilizar a todos os públicos, a exposición ofrece un espazo especialmente reservado para os nenos, de maneira que ao longo de toda a mostra, os máis pequenos poden rastrexar as súas propias pistas para que vivan “EnArbolar” como unha experiencia interactiva.

Por outra parte, dada a filosofía de sostibilidade promovida pola Fundación Félix Rodríguez de la Fuente, a exposición compensará as emisións xeradas na súa produción e transporte. Para iso, plantará 200 cipreses que axudarán a loitar contra os incendios forestais en Valencia ao mesmo tempo que absorberán CO2 para reducir os efectos do cambio climático.

Proxecto EnArbolar

Trátase dun proxecto LIFE+ de información e comunicación da Fundación Félix Rodríguez de la Fuente e a Deputación de Valencia a través de Imelsa que persegue mellorar a conservación das árbores singulares e os bosques maduros da Rede Natura 2000 e a Rede de Espazos Naturais Protexidos de España e o seu territorio de influencia.

O seu obxectivo final é elevar o grao de concienciación da sociedade con respecto á importancia deste tipo de árbores como redutos de biodiversidade, testemuñas do cambio climático, xeradores de paisaxe, dinamizadores das economías rurais e ferramentas de educación ambiental.

Para iso, a Fundación está a desenvolver diferentes accións de comunicación, sensibilización e información, entre as que se enmarca a exposición que hoxe se inaugura en Ourense.

7 de novembro de 2013 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.