Inauguran un cruceiro en Angrois para “manter vivo o recordo” das vítimas

Inauguración do cruceiro en Angrois
Os veciños de Angrois, o Concello de Santiago e o párroco do Sar, José Porto Buceta, inauguraron este sábado un cruceiro neste barrio co obxectivo de “manter vivo o recordo” das vítimas do accidente ferroviaro acontecido o pasado 24 de xullo no que faleceron 79 persoas.
Con este obxectivo, no interior deste monumento -realizado en granito silvestre tostado- os veciños incluíron unha ‘cápsula do tempo’, é dicir, un cilindro no que se gardan as portadas dos xornais do día do accidente, así como as fotos da entrega da Medalla de Ouro da Cidade aos veciños, que tivo lugar a semana pasada.
“Queremos recordar con este cruceiro e dar a nosa bendición a todos os falecidos”, manifestou o párroco do Sar na súa intervención ante os veciños de Angrois que acudiron á inauguración e aos que agradeceu “o seu saber estar por enriba das circunstancias para salvar e a axudar a todos os que o necesitaban”.
Nesta liña tamén se pronunciou o alcalde da cidade, Anxo Currás, quen explicou que este cruceiro serve de “símbolo” para “expresar o agradecemento ao traballo dos veciños naquela tráxica noite”.
COMPOSICIÓN
Precisamente, o presidente da Asociación de Veciños de Angrois, Anxo Puga, explicou que o monumento está situado “un pouco máis arriba” do lugar no que aconteceu o accidente e no a puiden ler a data do día no que aconteceu a traxedia.
Tamén indicou que as pedras do camiño que transcorre entre o monumento e a pérgola pertenceron no seu momento ao palco destruído polo tren. “Queriamos utilizar as pedras do palco como base do cruceiro, pero non nolo recomendaron, polo que fixemos o camiño para tamén manter vivo o recordo de algo que tiven aquí toda a vida,” sinalou Puga.
Ademais, o rexedor compostelano mostrou o seu desexo de que este espazo “se complete” co co novo campo da festa e co parque infantil. “É a segunda fase da actuación que queremos levar a cabo e contamos para iso coa colaboración do Ministerio de Fomento, explicou o alcalde.
Tras a inauguración, á que acudiron membros dos distintos grupos políticos do Concello compostelano como Francisco Reyes (PSOE) ou Rubén Cela (BNG), os veciños de Angrois participaron nun magosto celebrado no actual campo da festa, onde actuou un grupo de baile tradicional.











