III Pleno Infantil en Verín
O vindeiro 22 de novembro terá lugar, no salón de actos da Casa da Cultura de Verín, a terceira edición do Pleno Infantil, destinado a conmemorar o Día da Infancia.
Nesta iniciativa, organizada por UNICEF e o departamento de Educación Familiar do Concello de Verín, os/as protagonistas de esta particular sesión plenaria serán os/as alumnos/as de centros educativos do municipio de Verín, en concreto, os de 6º de Primaria dos colexios Princesa de España, Amaro Refojo e María Inmaculada e de 1º de ESO do centro Apostólico Mercedario.
Durante o pleno, no que terán que representar os valores da democracia, converteranse en concelleiros/as e elixiran a un alcalde ou alcaldesa para o que resta de lexislatura escolar. O mesmo será presidido polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, que entregará o bastón de mando ao elixido ou elixida. Ao finalizar, os/as alumnos/as realizarán una visita guiada polas dependencias do Concello de Verín.
Nesta ocasión os/as participantes nesta sesión plenaria abordarán dereitos recollidos na Convención Internacional dos Dereitos do Neno -que o 20 de novembro cumpre o 24º aniversario-, como son: a protección e xogo (CEIP Princesa de España), saúde e igualdade (centro Apostólico Mercedario), identidade e participación (colexio María Inmaculada), familia e educación (CEIP Amaro Refojo).











