Gran concorrencia de público na conferencia sobre alzheimer impartida polo doutor Lourenzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+
Conferencia sobre o alzheimer

Conferencia sobre o alzheimer

Máis de medio centenar de persoas acudiron onte á conferencia sobre Alzheimer que o neurólogo de Povisa, o doutor Lourenzo, impartía na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica de Tui.

A charla  forma parte dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Fundación Colexio Médico de Pontevedra para desenvolver unha serie de “actividades sanitarias formativas para a cidadanía” impartidas por profesionais da Medicina. Así, a primeira acción formativa é a encamiñada ao coñecemento da enfermidade do Alzheimer, que afecta a un total de 15.000 persoas na provincia, detectándose cada ano entre 700 e 800 novos casos.

Na conferencia levada a cabo coa colaboración do Concello de Tui, o doutor Lourenzo abordou temas destinados á poboación en xeral sobre os síntomas da enfermidade ou as dificultades ás que teñen que enfrontarse os familiares dos enfermos de cara a acadar un tratamento precoz para a evolución da enfermidade.

Con esta iniciativa o  Concello de Tui súmase á  formación da cidadanía en materias sanitarias para contribuír á mellora na calidade de vida de enfermos e familiares.

Neste conferencia estivo presente o alcalde de Tui e deputado provincial, Moisés Rodríguez Pérez, acompañado doutros membros do goberno municipal tudense.

20 de novembro de 2013 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.