Goián acolle o X Mercadillo e Exposición de Motos Antigas
O Motoclub Dalle Gas, organiza esta fin de semana, coa colaboración do Concello de Tomiño, a décima edición do Mercadillo e Exposición de Motos Antigas, no pavillón polideportivo de Goián (Tomiño).
Trátase dunha exposición de motos clásicas (anteriores ao anos 80) e unha feira de venta de repostos de motos e coches clásicos.
Entre as motos de colección, dos anos 20 e 30, que son expostas para deleite do público, cabe destacar as Norton, Indian Power Plus, Velocette e Harley Davidson. Non faltan tampouco as marcas máis populares, como as Bultaco, Vespa, Lambretta, Montesa e un longo etcétera.
A cita é importante tamén para aqueles que buscan recambios, xa que esta feira esta marcada no calendario nacional e ten un gran prestixio e interese, sobre todo, no norte de España. Na comunidade galega é moi esperada por centos de afeccionados á restauración de motos clásicas, xa que é a única que se realiza en Galicia con numerosos expositores profesionais do sector.
Danse cita medio centenar de expositores, procedentes de Galicia, pero tamén de Barcelona, Sevilla, Madrid, Valencia e Portugal.
O tema central da feira é a motocicleta antiga, pero tamén hai stands de miniaturas, ferramentas de taller e recambios de coches. Entre os recambistas atópanse por exemplo, “Adrian Campos” de Valencia, recambios “Rubi” de Barcelona, “Agostinho” de Portugal e outros.











