Gandeiros de Frades participaron nun curso de prevención de riscos laborais
Un total de dez veciños e veciñas que traballan en pequenas explotacións agrogandeiras de Frades participaron durante esta semana nun curso de prevención de riscos laborais especialmente dirixido a eles, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar en colaboración co Concello de Frades, co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Este é un dos tres primeiros cursos desta tipoloxía que se celebra en Galicia, pois a iniciativa tamén se levou a cabo simultaneamente nos municipios de Sarria e Cervantes.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “para un municipio gandeiro como Frades é moi importante poder proporcionar unha formación específica aos veciños e veciñas que traballan no sector agrogandeiro en materia de prevención de riscos laborais inherentes ás actividades que desempeñan a diario”. Así, os dez veciños que participaron nesta iniciativa non só adquiriron habilidades á hora de actuar ante un accidente, senón que aprenderon a importancia da prevención e como diminuír os accidentes laborais no sector agrogandeiro.
Durante 18 horas, os veciños e veciñas de Frades non só coñeceron os conceptos básicos en materia de seguridade e saúde no traballo, senón que analizaron con especial interese os riscos nas explotacións agrogandeiras, tanto xerais como específicos. “Ademais de recibir un curso de primeiros auxilios, os veciños aprenderon os riscos asociados a actividades como o manexo dos seus animais ou de agroquímicos, así como os riscos asociados á construción de fosas de purín ou ao manexo de cargas na granxa”, sinala Roberto Rey. Os veciños prestaron especial atención aos riscos no manexo de maquinaria agrícola, analizando os requisitos legais dos tractores e a correcta utilización e mantemento dos seus apeiros.
Este curso de prevención de riscos laborais nas pequenas explotacións agrogandeiras é o primeiro que se realiza na nosa comunidade en base á resolución do 27 de setembro do 2013 da Consellería de Traballo e Benestar, que decidiu convocar 9 cursos noutras tantas localidades durante este mes de outubro. Durante esta primeira semana celebráronse simultaneamente os cursos de Frades, Sarria e Cervantes. A próxima semana terán lugar en Vilariño de Conso, Allariz e Monfero; e na última semana de novembro celebraranse en Ortigueira, Santa Comba e Silleda.











