Galicia reforzará a cidadanía activa traballando conxuntamente coas demais rexións da Unión Europea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Intervención de Gamallo na reunión CIVEX do Comité de Rexións

Intervención de Gamallo na reunión CIVEX do Comité de Rexións

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións, celebrada esta mañá en Bruxelas e na que se analizou o programa de traballo da comisión para o vindeiro ano. Os representantes rexionais e locais acordaron xuntar esforzos para impulsar unha cidadanía activa e participativa, con especial atención de cara ás eleccións europeas do próximo maio de 2014.

A piques de rematar o ano Ano Europeo dos Cidadáns e ante a celebración duns comicios que resultarán determinantes para o futuro da Unión Europea, os membros da comisión CIVEX reiteraron o seu compromiso co reforzo da implicación dos cidadáns na vida política europea, así como co impulso á descentralización e ao autogoberno local e rexional. Ademais, acordaron prestar especial atención á aplicación do Regulamento polo que se regula a iniciativa cidadá europea, que permite presentar peticións lexislativas formais á Comisión Europea.

Por outra banda, os membros da comisión CIVEX abordaron durante o seu último encontro neste ano outros aspectos relevantes da actualidade lexislativa e política da Unión Europea, entre os que resaltou a aprobación do proxecto de ditame sobre a creación dunha Fiscalía Europea. Esta institución permitirá perseguir os delitos que afecten aos intereses económicos da UE, especialmente no que se refire ao mal emprego dos fondos estruturais. Por último, os representantes rexionais e locais analizaron os retos máis significativos da estratexia de ampliación da UE nos vindeiros anos e coincidiron en resaltar a cooperación das entidades subestatais a respecto da preparación da adhesión dos Estados candidatos.

Competencias da Comisión CIVEX

A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Ten competencia en múltiples eidos como a política de inmigración e asilo, a cidadanía activa ou a cooperación descentralizada para o desenvolvemento. Galicia forma parte desta comisión e tamén da Comisión de Cohesión Territorial desta asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea.

25 de novembro de 2013 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.