publicidade hoxe

Frades convoca un curso de manipulador de alimentos o venres 13 de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O multiusos de Frades acollerá o venres 13 de decembro un curso de manipulador de alimentos, organizado polo Concello de Frades, e dirixido a todos aqueles veciños e veciñas interesados en conseguir ou en renovar este carné. Un carné que faculta aos seus posuidores para obter traballo en empresas relacionadas coa manipulación de alimentos no sector hostaleiro (camareiros, panadeiros, dependentes de ultramarinos), alimentario, comedores escolares…

Ao longo deste obradoiro, os alumnos adquirirán coñecementos relacionados coa nutrición e coa hixiene e a manipulación dos alimentos. Ademais, analizarán os métodos para a conservación dos alimentos e os riscos que supón a súa alteración. Os veciños e veciñas interesados en participar poden anotarse na Casa do Concello ou chamando ao 981 695 567. O prezo de matrícula é de 22 euros.

Cociña e CELGA

Así mesmo, o Concello de Frades lembra que tamén está aberto o prazo de inscrición noutros dous cursos, cuxa data de inicio aínda está por determinar. Así, o Concello convoca os cursos preparatorios de galego para as probas do CELGA, que terán lugar no caso de xuntarse un mínimo de 20 alumnos. As preinscricións teñen que facerse no Concello de Frades ou no 981 695 567 antes do 16 de decembro.

Finalmente, o Concello de Frades tamén oferta un curso de cociña por un prezo de 20 euros. Trátase dun curso formativo no que os alumnos e alumnas aprenderán a producir conservas, conservar e manipular os alimentos, como presentar os produtos na mesa, dietética e nutrición, principios básicos de cociña e de repostería, elaboración de pratos con carnes, aves, peixes, mariscos, verduras…. O lugar de celebración aínda está por determinar, xa que depende do número e da localización dos anotados. De feito, durante o ano 2011 houbo tal demanda que terminaron facéndose dúas edicións do curso en Pontecarreira e en Galegos.

5 de novembro de 2013 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.