Finalizan os traballos do novo colector de saneamento no polígono agroforestal de Vila de Cruces que ascenderon a 235.000 euros

Cores Tourís na visita a Vila de Cruces
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o novo colector de saneamento do polígono agroforestal de concello de Vila de Cruces acompañado polo alcalde do municipio, Jesús Otero, e o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.
O concello de Vila de Cruces foi un dos beneficiarios das axudas concedidas pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro da orde do 2 de maio deste ano que ten, como obxectivo, a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
En concreto, no caso do polígono do concello dezano, destináronse 234.429,03 euros (120.000 dos cales serán aportados pola Consellería de Economía e Industria) á execución da rede de colector e conexión do polígono agroforestal con vertido á rede da depuradora municipal.
O concello de Vila de cruces dispón de aproximadamente 50.000 metros cadrados de terreos situados na zona de Aguillós, na confluencia das estradas PO-960, entre A Susana e Vila de Cruces, e a PO-905, que enlaza Vila de Cruces con Arzúa. “Estes terreos incluíronse como solo industrial no PXOM que temos nestes intres en tramitación e próximo a sometemento a aprobación inicial”, explicou o alcalde da localidade, Jesús Otero. “Nestes intres, neste polígono se atopa situado o Punto Limpo do municipio así como o Centro de Innovación e Desenvolvemento do Galo de Curral polo que se facía necesaria a posta en marcha deste novo colector”, continuou o rexedor.
Deste xeito, para poder proceder á urbanización desta zona, un dos primeiros pasos era a dotación de saneamento, razón pola que “decidimos poñer en marcha un colector que vertese á rede de saneamento do casco urbano de Vila de Cruces e que despois vaia a EDAR”.
A lonxitude total da nova rede de saneamento é de 1,4 quilometros de tubaxe de PVC de 315 mm. A obra executada grazas a colaboración económica da Consellería de Economía e Industria conta con 30 pozos de rexistro ao longo do seu percorrido, estimándose a derivación á depuradora municipal en 40.000 metros cúbicos de auga.
A maiores, o alcalde de Vila de Cruces explicou que o concello aproveitou as obras para instalar unha tubaxe de abastecemento de auga potable e dar así servizo tamén dende a rede do casco urbano de Vila de Cruces.
Pola súa banda, Cores Tourís aproveitou para recordar que a nova orde de axudas para polígonos da Xunta de Galicia establecía as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
Segundo argumentou o delegado territorial “os parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial creadas hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas, van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, tal e como ocorre no caso de Vila de Cruces, determinadas carencias de infraestruturas e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores á súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores”.
Cores Tourís rematou asegurando que o investimento destinado a proxectos para a habilitación e melloras de parques empresarias da provincia supera o 1,2 millóns de euros (4,3 millóns para toda a comunidade autónoma) dos que 837.000 euros serán aportados en concepto de axuda pola Xunta de Galicia, “é dicir, o 80% do total”, explicou Cores Tourís.











