Finalizan as obras de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha
Rematan as obras de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha desde a estrada provincial DP-1909. Unha vez estendido o aglomerado asfáltico en quente co que se renovou o pavimento desta vía que comunica aos lugares de A Xesteira (A Laracha) e Castelo (Carballo), soamente resta a correspondente sinalización vertical e horizontal antes de dar por concluídas as actuacións.
A superficie da calzada foi renovada nunha distancia lineal de 2.814 metros, realizándose ancheamentos en determinados tramos que, polas súas características, así o permitían. Tamén foi dotada a vía coa rede de recollida de augas pluviais.
O proxecto, valorado en 224.000 euros, foi promovido conxuntamente polos Concellos da Laracha e de Carballo e contou co cofinanciamento da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Nunha recente visita ás obras, Ángel Bernardo Tahoces, Director xeral de Industria, valorara esta actuación como “un exemplo de cooperación para o resto dos municipios galegos”.
A renovación da estrada, ademais de facilitar os accesos cara o polígono industrial da Laracha, tamén beneficiará aos veciños residentes no lugar, que verán melloradas as comunicacións entre os núcleos de poboación da zona.











