Finaliza o proceso de revisión das alegacións presentadas ao PXOM de Carballo despois de 33 xuntanzas

Reunión da Comisión de Urbanismo
Despois dun longo proceso de máis de 33 xuntanzas dunha media de tres horas de duración e logo de que técnicos e membros da corporación teñan estudado e ditaminado as 1.921 alegacións presentadas ao documento para a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) dáse por finalizado o proceso de revisión. Nestes momentos, e despois dunha quenda de xuntanzas da Comisión informativa de Urbanismo e Medio Rural que comezou o pasado mes de xuño, xa están revisadas todas as reclamacións correspondentes ao medio rural, así como as do casco urbano e a zona costeira e o equipo redactor comezará a elaborar un informe no que se recollerán as actas das 33 comisións e onde se recollerán, así mesmo, as propostas dos seus membros para cada unha das reclamacións. Unha vez estea elaborado, presentarase de novo ante a Comisión de Urbanismo, para revisalo e comprobar que cumpre fielmente co acordado e que despois das resolucións o documento respecta a legalidade e as características esixidas, como as relativas á capacidade residencial.
Nese momento, o documento xa estaría listo para presentarse diante do pleno da corporación e ser aprobado provisionalmente para remitilo unha vez máis á Xunta de Galicia, que sería o organismo do que depende a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal. A Concelleira de Urbanismo, Milagros Lantes, subliña, dentro do proceso de aprobación do Plan, que nestes momentos o Concello está pendente de recibir varios informes sectoriais da Xunta relativos ao PXOM, como son o de Patrimonio, de especial relevancia porque as súas directrices poderían influír sobre algunhas das decisións tomadas respecto das alegacións; o de Augas de Galicia, o de Conservación da Natureza ou o do POL-DOT (Plan de Ordenación do Litoral e Directrices de Ordenación do Territorio). Así mesmo, tamén explica que resulta moi complicado realizar unha valoración global de cantas alegacións teñen sido aceptadas e cantas rexeitadas, xa que en moitos casos as reclamacións foron aceptadas ou rexeitadas parcialmente e non en todos os seus puntos.
En todo caso, hai que lembrar que o documento para a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal recibiu 1.921 alegacións, presentadas por 2.451 alegantes e que afectan a un total de 2.908 parcelas do municipio, a maioría situadas no medio rural. A maior parte das reclamacións correspóndense con parcelas sobre as que se solicita un cambio de clasificación total (con 1.277 alegacións que supoñen o 59,9 por cento do total e afectan a 1.786 parcelas), seguidas das que solicitan a inclusión da totalidade da parcela (266 e 12,4 por cento) e das que piden a modificación de condicións edificatorias contidas nas ordenanzas (225 e 10,5 por cento). Mirando por parroquias -exceptuando a de Carballo-, as que rexistraron un maior número de peticións foron Bértoa, Razo e Sofán.











