Ferrol licita a reurbanización das prazas Río do Tronco e Sartaña
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou sobre os principais asuntos abordados esta mañá na Xunta de Goberno Local. O rexedor municipal acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez; e a portavoz do Goberno Municipal de Ferrol, Martina Aneiros Barros, deu conta dos avances en tres proxectos urbanísticos moi demandados pola cidadanía e que afectan aos barrios de Ultramar e o Ensanche A, e a parroquia de Serantes.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde hoxe a licitación das obras de reurbanización da Praza de Sartaña, no barrio de Ultramar. Dita intervención terá un prazo de execución de seis meses e un importe total de 310.254,68 euros. O proxecto licitado polo actual Goberno Municipal inclúe unha nova urbanización da totalidade da superficie da praza mediante a creación de diferentes ámbitos de estancia: zona deportiva, zona de xogos infantís, zona de terrazas, zona verde, etc; mellora das instalacións urbanas existentes; incorporación de mobiliario urbano e de espazos verdes e axardinados. Ademais, o proxecto mantén a pista polideportiva.
Así mesmo, o Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela tamén aprobou a licitación da reurbanización da Praza Río do Tronco, situada no barrio do Ensanche A. Estas obras de remodelación consisten na creación de diferentes ámbitos diferenciando a circulación rodada da peonil, organización do tráfico na zona, mellora das instalacións urbanas existentes, incorporación de mobiliario urbano, vexetación e de arboredo e creación dunha zona de xogos infantís. O prazo de execución de ditas obras será de sete meses e o importe total de licitación ascende a 523.533,24 euros.
No que atinxe á parroquia de Serantes, a Xunta de Goberno local aprobou esta mañá a adxudicación das obras no aglomerado da rúa Fernando Fernández Bastida. Este proxecto está financiado pola Deputación provincial da Coruña con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS). Esta actuación urbanística inclúe a mellora do firme en todo o viario e ten un importe de 76.942 euros. A empresa adxudicataria é Lancer Proyectos y Obras S.A.











