Ferrol instalará as acometidas de abastecemento e saneamento de auga do local veciñal de Valón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A segunda fase do Plan de Barrios, iniciativa posta en marcha polo Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela que permite intensificar durante dúas semanas ao ano os traballos dos servizos municipais en cada barrio e parroquia do municipio,  chegou hoxe a Valón e Doniños. Os concelleiros de Servizos e Medio Ambiente e de Zona Rural, Borja Carro Muñoz e Jose Polo Veiga, respectivamente, mantiveron un encontro de traballo cos responsable das entidades veciñais destas parroquias. Nesta xuntanza, como é habitual, participaron tamén os supervisores dos servizos municipais e das empresas que traballan para o Concello de Ferrol co obxecto de que os veciños/as poidan expoñerlles de maneira directa as súas peticións.

Neste sentido, os edís Carro Muñoz e Polo Veiga recolleron as principais demandas destas parroquias para a súa execución. No caso de Valón, o Executivo local encargará a instalación de acometidas de saneamento e abastecemento de auga potable ao local social da entidade veciñal, co obxectivo de independizalas do colexio contiguo que é onde se reciben actualmente ambos servizos. Mentres que a petición da entidade veciñal de Doniños se procederá á reposición do firme en Fontá-Rivas, traballos que se complementan cos que nestes momentos se están a executar de construción dun muro de escollera na zona. A Concellería de Servizos xa dispón dunha valoración económica destas dúas intervencións, que ascenden a máis de 22.000 euros: 13.000 euros a intervención demandada polos veciños de Doniños; e 9.333,53 euros a solicitada polos de Valón).

No que atinxe aos traballos de mellora e conservación realizados ao abeiro do Plan de Barrios, os máis destacados foron o desbroce de viarios e limpeza de cunetas -32.000 metros lineais- a intensificación das tarefas de limpeza e o mantemento de varios lavadoiros das dúas parroquias; o pintado de 6 stops e 1 ceda, así como a colocación de dous espellos circulares en cruzamentos con pouca visibilidade; a reparación do tubo de abastecemento no centro escolar de Valón; o mantemento de zonas verdes e roces de 48.300 metros cadrados, principalmente paseo marítimo de Doniños e mirador de Outeiro; revisión de parques infantís e maior presenza policial.

27 de novembro de 2013 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.