Ferrol inicia unha campaña de seguridade viaria para os ciclistas a través do deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá a Marcha Ciclista “Respecta ás bicicletas…enriba van persoas” que se celebrará este domingo, día 10, e sairá ás 11:00 horas da Praza de Armas. A edil estivo acompañada na presentación desta iniciativa do representante do Club Triatlón Ferrol, Jaime Ruiz; do presidente do Club Ciclista de Ferrol, Juan Manuel Martínez; e Emilia Sande, de Protección Civil, agrupación de voluntarios que velarán pola seguridade do evento.

Esta campaña de sensibilización, que leva por lema No más ciclistas muertos en carretera, está promovida pola Federación Galega de Triatlón e conta coa colaboración do Concello de Ferrol e o Club Ciclista Ferrol. A marcha tamén terá lugar en diferentes cidades galegas como A Coruña, Ribeira, Noia, Vigo e Pontevedra. A concelleira ferrolá explicou que o obxectivo desta actividade “é concienciar aos condutores sobre o perigo que sofren os ciclistas nas estradas para que respecten a distancia de seguridade que é de 1,50 metros”. Martínez Galdós lembrou que cada semana morre un ciclista en algunha estrada vítima dun atropelo “pero tamén hai que pensar nos que quedan con importantes secuelas polo incidente”.

A Marcha Ciclista percorrerá 15 quilómetros -aproximadamente- e descorrerá polo Paseo da Mariña ou a estrada de Catabois, para finalizar no punto de saída, a Praza de Armas. Con respecto á seguridade, Emilio Sande, membro de Protección Civil, recalcou que debido á gran afluencia de público que se prevé “os condutores deberán ter paciencia e deixar pasar aos ciclistas”. Así mesmo, informou que a marcha contará con dous ou tres vehículos para a seguridade do evento, unha ambulancia e un coche vasoira.

7 de novembro de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.