Ferrol impulsa diferentes actos con motivo do Día internacional contra a Violencia de Xénero
A concelleira de Igualdade do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, presentou hoxe o programa de actos conmemorativos do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebrarán ao longo de todo o mes de novembro e que terá continuidade en meses sucesivos con exposicións na Casa da Muller. Os diferentes actos están realizados en base ao II Plan de Igualdade do Concello de Ferrol, que representa un compromiso do Goberno Municipal no avance pola igualdade.
No eido educativo, a edil de Igualdade explicou que dará comezo o programa “¿E ti de que vas?”, que estará dirixido ao alumnado de Secundaria e que inclúe a posta en marcha dunha ferramenta audiovisual a modo de xogo a través da rede. Esta proposta consistirá na realización de “probas e actividades en grupo que fomenten o establecemento dunhas relacións sociais igualitarias” sinalou Casal Míguez. Así, cada día da semana se presentará, a través da rede, dúas preguntas ou probas que o alumnado terá que superar e polas que recibirán unha puntuación, que será publicada no blog do programa. Ademais, ao finalizar o programa “¿E ti de que vas? Haberá un acto sensibilizador para cumprir o obxectivo de visibilización social.
A iniciativa “¿E ti de que vas?”, dará así continuidade ao programa “Mulleres na sociedade, nenas na escola”, que se desenvolveu entre outubro e novembro e foi a primeira das iniciativas que a Concellería de Igualdade puxo en marcha dentro do calendario de actividades contra a violencia de xénero. “Mulleres na sociedade, nenas na escola” consistiu na representación teatral dunha avoa e unha neta que foron desvelando a evolución da situación da muller durante as últimas décadas confrontando a perspectiva actual coa pasada. Máis de 1.300 escolares de Primaria pertencentes a 10 centros educativos da cidade participaron nesta acción formativa de coeducación e igualdade de xénero.
Fotografía, conferencia e campaña “Eu son doce non son violento”
Esta programación do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o vindeiro luns 25, continuará coa realización dunha gravación dun videoclip infantil con nenos e nenas que viven na zona rural do municipio ferrolán. Así mesmo e como potenciación da muller, serán realizadas diferentes exposicións fotográficas ao longo de todo o vindeiro ano na Casa da Muller baixo o nome “A muller no século XXI”. Estas mostras, de carácter individual, recollerán a visión de varias fotógrafas ferrolás sobre a muller no século XXI e irán acompañadas cun texto que reflicta a súa perspectiva.
Así mesmo, tamén será realizada unha conferencia sobre a “trata de brancas”, impartida polos especialistas Miguel Pajares e Silvia Pérez. Esta charla terá lugar o vindeiro venres, día 29, en horario de 17:00 a 20:00 horas. Ademais, o propio Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, o vindeiro luns 25, será posta en marcha unha campaña masiva de repulsa contra a violencia de xénero. Arredor de 2.500 galletas co mensaxe “Eu son doce non son violento” se repartirán por toda a cidade e a campaña contará con dous expositores que estarán situados na Praza de Armas e na Praza de Amboaxe.











