Ferrol entrega á AECC os máis de 2.000 euros donados con motivo da I Carreira Popular “Corre por Ferrol”
As concelleiras de Benestar Social e de Deportes do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro e Susana Martínez Galdós, respectivamente, entregaron hoxe a recadación da I Carreira Popular contra o Cancro “Corre por Ferrol” á presidenta da Asociación Española de Loita Contra o Cancro (AECC) en Ferrol, Isabel Caamaño Cebreiro. O acto tivo lugar esta mañá no Salón de Recepcións do Pazo Municipal.
Un total de 2.139 euros foron entregados á entidade en concepto de donativos directos e extra. Así, dúas empresas doaron 500 euros cada unha e os restantes pertencen a achegas dos máis de 1.800 participantes na carreira solidaria. As edís ferrolás manifestaron a súa satisfacción pola resposta cidadá e destacaron que “Ferrol sempre demostra que é unha cidade solidaria”. Ademais, a esta cifra haberá que engadir o recadado polas inscricións, polo que o diñeiro que percibirá a entidade de loita contra o cancro será maior.
Pola súa banda, a presidenta da AECC en Ferrol, Isabel Caamaño, agradeceu a colaboración, entrega e solidariedade dos participantes no evento. “Os ferroláns sempre responden ao noso chamamento” engadiu.











