Ferrol e Unicef organizan actividades conmemorativas do Día Internacional dos Dereitos da Infancia
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe de que o vindeiro mércores 20 de novembro, con motivo do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, se celebrará a obra de teatro “Endereitados”. Esta iniciativa, que conmemora este día dedicado aos dereitos dos máis pequenos, está organizada polo Concello de Ferrol e a organización internacional Unicef.
Máis de 700 alumnos de trece centros educativos da cidade, que cursan 5º e 6º de Primaria, participarán nesta actividade que terá lugar en dúas sesións -a primeira ás 10:00 e a segunda ás 12:00 horas- no Teatro Jofre.
Ademais, tamén se realizou a distribución de unidades didácticas para que o alumnado traballe na aula e posteriormente se levará a cabo un seguimento para ver se foron acadados os obxectivos da iniciativa. “Estas actividades servirán para que os máis pequenos coñezan e tomen conciencia dos seus dereitos” sinalou a edil ferrolá. Rosa Martínez encomiou o traballo de Unicef “a favor da infancia” e lembrou a relación que mantén a Administración ferrolá coa entidade a través dun convenio asinado no presente mandato por un importe de 1.000 euros.
Pola súa banda, o presidente de Unicef Ferrol, Rafael Aneiros, agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol para a posta en marcha destas actividades “que tratan de sensibilizar á cidadanía dos problemas que existen no mundo”.











