Ferrol conmemora o 50 aniversario do Judo na cidade cunha homenaxe aos mestres Luis Cano e Leopoldo Cánovas
A concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez, presentou esta mañá os actos do 50 aniversario do judo en Ferrol “Homenaxe aos mestres Luis Cano e Leopoldo Cánovas”, que se celebrarán os días 29 e 30 de novembro. A edil ferrolá estivo acompañada polo adestrador do Judo Bitácora, Ricardo Trillo; o mestre judoka, Bernardo Romay; e o produtor do documental Ji Ta Kyo Ei, Domingo Díaz.
Luis Cano fundou o primeiro club de judo de Ferrol no ano 1963 e o judo ferrolán non parou de acadar éxitos con Luis Cano e Leopoldo Cánova durante o 1968. Entre os actos que conmemorarán o 50 aniversario do inicio da práctica do judo en Ferrol destaca o estreo do documental Ji Ta Kyo Ei, que recoñece aos pioneiros e que será proxectado este venres, día 29, ás 20:00 horas no Centro Torrente Ballester. Así mesmo, tamén se realizará un curso técnico impartido polos mestres Bernardo Romay e Ricardo Trillo e que terá lugar o sábado 30, entre as 16:30 e as 17:30 horas, no pavillón da Malata. Casal Míguez sinalou a importancia desta actividade “que contribúe a difundir os valores deste deporte e motiva ás novas xeracións de practicantes”.
Deporte recoñecido pola Unesco
A edil ferrolá salientou o carácter educativo do judo “que permite aprender unha verdadeira filosofía” e enumerou diferentes valores que se poden acadar coa práctica deste deporte coma o respecto aos demais, a amizade, a cortesía, a autonomía ou a iniciativa persoal. Ademais, a responsable das políticas de igualdade e xuventude do Concello de Ferrol sinalou que o judo está recoñecido pola Unesco como o deporte máis recomendable para nenos e nenas entre 5 e 14 anos.











