Ferrol acolle unha charla sobre a trata de mulleres en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Igualdade do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, continúa co seu programa de actos conmemorativos con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Así, o salón de actos do Campus Universitario de Esteiro acollerá mañá venres unha charla-coloquio sobre a trata de mulleres en Galicia. A conferencia, impartida por Silvia Pérez e Miguel Pajares, terá lugar de 17:00 a 20:00 horas. A actividade conta coa colaboración da Universidade da Coruña.

Silvia Pérez, socióloga e investigadora social especializada en violencia de xénero, exerce como profesora asociada da Universidade de Vigo dende o ano 2007. Esta especialista tamén dirixiu durante cinco anos o equipo de servizos sociais dedicado á poboación en prostitución, da Asociación Alecrín en Galicia, e redactou varios artigos sobre prostitución-sexualidade e igualdade-violencia sexual. Actualmente, continúa o seu labor como colaboradora experta en proxectos de investigación en diversas institucións.

Pola súa banda, o doutor en Antropoloxía Social pola Universidade de Barcelona, Miguel Pajares, presentará a súa novela “Cautivas”. Entre a ficha curricular de Pajares destaca ser membro do GRECS (Grup de Recerca sobre Exclusió i Control Social) da Universidade de Barcelona, experto do Comité Económico e Social Europeo para temas de inmigración e asilo, presidente da Comissió Catalana dÁjuda al Refugiat, e profesor colaborador en mestrados e posgraos de diversas universidades.

28 de novembro de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.