Extenso programa de actividades na Laracha en torno ao 25 de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Coa celebración, como cada 25 de novembro, do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, o Concello da Laracha xa comezou a desenvolver un extenso programa de eventos e actividades relacionado con esta temática coa finalidade de mostrar a súa sensibilización con esta lacra social e concienciar a toda a poboación, especialmente aos estudantes, para evitar que poidan xurdir este tipo de condutas e que, no caso que se detecten, sexan denunciadas de xeito inmediato.

As accións, organizadas pola concellería de Muller da Laracha baixo a dirección da edil Rocío López, teñen diferentes metodoloxías para tratar de chegar a todos os sectores sociais. Este ano estanse realizando obradoiros de prevención da violencia de xénero nos centros educativos, haberá unha obra teatral que xirará en torno ás mulleres, instalarase unha mesa informativa sobre esta temática no Centro de Información ás Mulleres (CIM) e o goberno municipal proporá á Corporación no próximo Pleno asinar un manifesto contra esta lacra social.

Obradoiros nos centros de ensino

Desde principios de novembro estanse levando a cabo nos colexios de Caión, A Laracha (CEIP Otero Pedrayo) e Paiosaco (CEIP Alfredo Brañas) os obradoiros de prevención da violencia de xénero, nos que están participando alumnos de educación primaria. O seu contido está baseado en dúas temáticas: a construción do xénero e das relacións entre os homes e mulleres, incluíndo as súas desigualdades e, as formas específicas de violencia de xénero.

Estes obradoiros realízanse con nenos de 9 e 10 anos de idade porque actuar nos inicios da educación é o instrumento máis eficaz para transmitir os valores da igualdade de oportunidades e actuar na prevención da aparición de condutas asociadas á violencia de xénero.

Os alumnos de 3º e 4º de ESO do IES Agra de Leborís tamén están a participar en obradoiros, neste caso de educación en igualdade e adaptados a súa idade.

Exposición Cartas de amor no IES Agra de Leborís

O instituto da Laracha acolleu durante quince días “Cartas de amor: 14 artistas contra a violencia de xénero” unha actividade promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que consistiu nunha mostra de ilustracións gráficas de diversos artistas sobre esta temática.

O programa completouse cun obradoiro no que participaron sesenta alumnos de 4º de ESO.

Obra de teatro

Grazas á coordinación entre as concellerías de cultura e de muller, a actuación de hoxe do ciclo Venres Teatrais, a adaptación do clásico Tesmoforias do dramaturgo grego Aristófanes, inclúese no programa en torno ao 25 de novembro dado que a súa temática está moi relacionada coa muller e as desigualdades por motivos de xénero.

Encontro co CIM de Arteixo

O pasado día 9 de novembro os Centros de Información ás Mulleres da Laracha e de Arteixo organizaron conxuntamente a excursión ao Pazo de Mariñán –propiedade da Deputación Provincial da Coruña- no que participaron cincuenta persoas (mulleres acompañadas polos seus fillos e fillas).

As participantes puideron coñecer este histórico edificio, mandado construír no século XV polo nobre Gómez Pérez das Mariñas, e os seus xardíns.

Mesa informativa no novo edificio administrativo

O CIM da Laracha habilitará a próxima semana unha mesa informativa no novo edificio administrativo no que se ofrecerá información á cidadanía e se ofrecerá a posibilidade de que calquera persoa poida aportar as súas vivencias persoais sobre esta temática.

Manifesto da Corporación Municipal

Por último, os tres grupos políticos da Corporación asinaron unha declaración institucional rexeitando a violencia contra as mulleres que se lerá no próximo Pleno ordinario, convocado para o mércores 27 de novembro.

Desde hai anos, e tamén por acordo unánime da Corporación municipal da Laracha, antes do inicio de cada Pleno ordinario gárdase un minuto de silencio polas mulleres vítimas da violencia de xénero.

22 de novembro de 2013 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.