Éxito de participación veciñal na iniciativa “Martes saudables”

Charla dos “Martes Saudables”
Gran participación veciñal na iniciativa “Martes saudables”, unhas xornadas informativas levadas a cabo polo Concello de Oroso durante as tardes dos martes deste mes de novembro para achegar aos maiores de Oroso temas relacionados co coidado da súa saúde. E é que cada unha das charlas tivo unha media de cincuenta asistentes, o que levou ao Concello de Oroso a propoñer unha nova sesión para o próximo martes 3 de decembro sobre seguridade para a terceira idade fronte a roubos, timos e estafas.
O concelleiro de Servizos Sociais, Antonio Leira, explica que “estamos moi satisfeitos coa asistencia e o aproveitamento que os nosos maiores sacaron dos Martes Saudables, pois recibiron consellos prácticos e sinxelos que lles axudarán a mellorar o seu estado de saúde. Ademais, puidemos comprobar a idoneidade das reformas que fixemos no Local da Terceira Idade, que permiten que agora se podan celebrar aló iniciativas deste tipo”. As temáticas destas catro xornadas foron moi variadas: estimulación cognitiva, primeiros auxilios, nutrición e hábitos saudables.
Plan maior seguridade
O éxito de participación nestas catro xornadas animou ao Concello de Oroso a organizar unha nova xornada informativa gratuíta, nesta ocasión sobre seguridade para a terceira idade. A charla terá lugar o martes 3 de decembro, de 17:00 a 18:00 horas, no Local da Terceira Idade, situado na rúa do Campo nº 9 (Sigüeiro). A asistencia é libre e de balde, se ben é preciso anotarse antes do 2 de decembro no centro cultural de Sigüeiro (881 981 380).
Esta xornada está incluída dentro do “Plan mayor seguridad”, posto en marcha pola Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil. Efectivos da benemérita ofrecerán consellos aos maiores diante dunha situación conflitiva (non facer fronte ao asaltante, buscar testemuñas, fixarse nos detalles…), explicaranlles como evitar algúns timos e estafas que se están a producir na actualidade e lembraranlles os teléfonos de contacto tanto da Garda Civil (062) como o da Policía Nacional (091).











