Éxito de participación no concurso fotográfico das Xornadas micolóxicas do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

Ao peche do prazo para a entrega de fotografías para o concurso promovido pola asociación Potiños dentro das Xornadas micolóxicas do Carballiño, foron máis de 30 os traballos presentados nas oficinas de Cultura do concello carballiñés. O fallo do xurado terá lugar este xoves, 28 de novembro, ás 20:00 horas. Esta alta participación é o reflexo do interese que están a espertar as citadas xornadas micolóxicas, que comezarán o venres cunha charla na Casa da Cultura, e prolongaranse durante todo o fin de semana, incluíndo saídas ao monte para buscar cogomelos e degustacións de cogomelos, sempre acompañadas do produto local, o polbo.

Os organizadores destas xornadas, a asociación cultural Agarimos do Arenteiro, contan cunha alta participación, sinalando que o éxito pode radicar en que son unhas xornadas tanto para principiantes no mundo da micoloxía, como para os xa coñecedores do mesmo, ao mesturar actividades dirixidas a todos estes grupos.

As xornadas comezarán o venres, coa citada charla na casa da cultura a cargo de Antonio Saco, da asociación Vos Cogordos, para continuare o sábado coa andaina para buscar cogomelos, na que sempre estarán acompañados de expertos nestas lides, e a posterior degustación das mesmas na praza maior.

Xa o domingo, abrirase unha exposición de cogomelos e unha degustación destas, en distintas receitas e sempre acompañadas do polbo. Durante o fin de semana haberá casetas para a adquisición de material relacionado coa micoloxía, como cestas, navallas, libros e guías, etc.

27 de novembro de 2013 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.