Estudantes do CPI Ponte Carreira participaron nun acto contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

Alumnos e alumnas do CPI Ponte Carreira participaron esta mañá nun acto de repulsa contra a violencia de xénero, coincidindo coa conmemoración hoxe do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, presidiu un acto co cal os rapaces culminaron un mes de actividades relacionadas coa igualdade de xénero incluídas dentro do Programa Igualar, polo Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade e cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

Os rapaces e rapazas de Frades amosaron o aprendido durante as últimas semanas nas dúas sesións que recibiron: habilidades sociais cun transfundo igualitario (1º ESO), igualdade de xénero (2º ESO), violencia de xénero (3º ESO) e o bo trato e as relacións igualitarias (4º ESO). Así, deron lectura a un manifesto pola igualdade e contra a violencia de xénero, que tamén foi aprobado a pasada semana pola Xunta de Goberno do Concello de Frades. Un manifesto que sinala que “non permitiremos que no noso ámbito de actuación haxa lugar para que a violencia atope un refuxio ou un ánimo. Nin tan sequera un silencio que acabaría sendo cómplice. A nosa voz é tan necesaria como todas as demais, e debe dicir ben alto e claro que estamos en contra da violencia en calquera das súas formas”.

Tras a proxección dunha curtametraxe relacionada cos contidos do programa Igualar, os rapaces e rapazas fixeron uso dos contenedores “Das tres erres”: Reducir, Reciclar e Reutilizar, cambiando mensaxes sexistas por actitudes baseadas no respecto e na igualdade de xénero.

25 de novembro de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.