Espectáculos para todos os públicos nun novo ciclo de teatro en Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Carral ofrece un novo ciclo de teatro que comezará o sábado 16 de novembro coa obra “Acto imprevisto” de Ditea Teatro.

O ciclo, que se realizará no local Xente Nova de Tabeaio, comprende 5 obras teatrais, realizadas tanto por compañías profesionais como por afeccionados. Ademais de Ditea Teatro participan Manicómicos, Teatro do Andamio, a compañía de teatro amador de Carral A Fiestra e Poéticas Urbanas.

Ditea presenta  o 16 de novembro “Acto imprevisto”, un espectáculo no que dúas limpadoras reflicten a realidade cotiá, que a través do humor, tenta achegarse ao público cun sabor agridoce.

A asociación Manicómicos representará “Aparente-mente”, unha obra dirixida por Carlos Sante e Gonçalo Guerreiro na que se aborda o tema  das apariencias que adoitamos na sociedade moderna. Será o sábado 23 de novembro.

Os nenos e nenas de 1 a 4 anos terán a oportunidade de gozar do espectáculo “Miau” de Teatro do Andamio, o sábado 30 de novembro. Pola súa banda o grupo de Carral A Fiestra presentará a obra “Amantes y otros extraños” o 14 de decembro.

Alumnos e alumnas da ESO do CPI Vicente Otero terán a ocasión de gozar dun orixinal espectáculo sobre a figura de Charles Chaplin, representada pola compañía Poéticas Urbanas. “Descubrindo a Chaplin” representarase o 19 de decembro.

Esta programación teatral forma parte do conxunto de actividades culturais que para o último trimestre do ano ten preparado o departamento de Cultura do Concello de Carral e que comprende espectáculos de monicreques, contacontos, cine e concertos de corais.

ÚLTIMOS DÍAS PARA VISITAR A EXPOSICIÓN “QUERIDO BALBINO” DE NEIRA VILAS

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellería de Cultura do Concello de Carral, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, presentan ao público na Biblioteca Municipal a mostra “Querido Balbino”, que serve para conmemorar os 50 anos da publicación do libro de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego.

Esta exposición itinerante ofrece algúns datos da biografía de Neira Vilas e a súa labor cultural xunto á súa muller Anisia Miranda. Describe o papel que xogaron na emigración mantendo viva a nosa lingua. Tamén se interpreta a importancia que supuxo Memorias de un neno labrego para a difusión da lingua galega, xa que este libro foi para varias xeracións o seu primeiro contacto coa lectura no noso idioma. Tamén explica a incidencia deste libro na literatura universal, acumulando máis de 15 traducións a outros idiomas.

Ademais dun audiovisual, a exposición ofrece fotografías da vida de Neira Vilas, as portadas das diferentes edicións, algúns documentos e cartas relacionadas coa publicación do libro, así como unha ducia de cadros realizados por diferentes artistas galegos.

A exposición, que estará aberta ata o 14 de novembro, recibiu a visita de Xosé Neira Vilas o pasado venres, acompañado do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño. Logo da visita á biblioteca, participou nun fermoso acto que lle dedicaron os alumnos da ESO do Colexio Vicente Otero Valcárcel.

14 de novembro de 2013 | 10:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.