Escolares de seis colexios de Vilagarcía exporán nun pleno infantil as súas propostas dos dereitos do neno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Xuventude volve a celebrar este ano o Día Internacional dos Dereitos da Infancia organizando un Pleno Infantil no que participarán alumnos de 5º e 6º curso dos colexios do municipio. A sesión celebrarase o día 20 N, data na que no ano 1959 a Asemblea xeral da ONU aprobou por unanimidade dos 78 estados membros de entón a Declaración proposta por UNICEF e que ten rango de Tratado Internacional.

A concellería de Xuventude xa leva varios celebrando o pleno infantil o 20N. Con esta actividade perséguense dous obxectivos. Por un lado, informar aos nenos e nenas o proceso que levou á aprobación da Declaración dos Dereitos da Infancia, que teñan a oportunidade de coñecer os principios que rexen os 10 artigos que a integran, que reflexionen sobre as situacións nas que se conculcan eses dereitos e buscar alternativas para que se respecten. Con isto tamén se pretende conciencialos en principios de respecto, igualdade e solidariedade.

E o segundo obxectivo da organización deste pleno é que os nenos e nenas coñezan as regras do sistema democrático e plural a través do funcionamento dun dos seus órganos máis próximos ao cidadán: o Concello. Deste xeito saberán cales son os pasos ou o procedemento a seguir para defender democraticamente unha postura e elevar propostas ao Pleno para que poidan levarse a cabo.

O Pleno Infantil celebrarse no salón de Plenos do Concello entre as 10:30 e as 12:00 horas do mércores. A Concellería de Xuventude que dirixe Sandra García convidou a todos os centros educativos de Primaria do municipio a participar na proposta, confirmando asistencia seis deles. Serán un total de 150 alumnos e alumnas dos colexios Arealonga, A Lomba, Sagrada Familia, San Francisco, Vilaxoán e Rubiáns os que participen no acto.

A sesións seguirá o modelo de costume. Constituirase unha corporación composta por 21 membros na que cada colexio contará co número de edís proporcional ao número de alumnos do centro, a modo de paralelismo co reparto de representatividade que se fai nas eleccións municipais en función aos votos obtidos por cada candidatura. Logo constituirase a mesa de idade e procederase á elección de alcalde ou alcaldesa. Por último, cada grupo presentará as súas mocións ao Pleno, iniciativas que previamente traballaron na clase e que versarán sobre diferentes aspectos relacionados cos Dereitos da Infancia.

12 de novembro de 2013 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.