Entrega dos VIII premios de investigación Antonio Usero e Enxeñeiro Comerma
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá a entrega da VIII edición dos Premios de Investigación “Antonio Usero” e “Enxeñeiro Comerma” que tivo lugar no Salón de Recepcións do Pazo Municipal. No acto tamén estiveron presentes o concelleiro de Cultura e Universidade, Manuel-Reyes García Hurtado; a vicerreitora do Campus Universitario de Ferrol, Araceli Torres Miño; e membros da Corporación Municipal.
Vanesa Zorrilla Muñoz recolleu o VIII Premio de Investigación Antonio Usero da área de Ciencias do Traballo, co seu proxecto “Trastornos musculoesqueléticos de origen laboral en actividades mecánicas del sector de la construcción”, centrado no ámbito da prevención de riscos laborais. Así mesmo, Silvia Espinosa Gútiez –representada polo seu pai debido ao Doutorado que está cursando en Estados Unidos- recibiu o galardón Enxeñeiro Comerma, dedicado a área da Enxeñería Industrial, polo seu proxecto “Diseño de una máquina de ultrasonidos para el aumento de la eficiencia de la quimioterapia”.
Na súa intervención, o rexedor municipal destacou a importancia destes recoñecementos á investigación “que son un referente no ámbito universitario español, ademais dun motivo de orgullo e de reafirmación do que somos e do que queremos seguir sendo, unha cidade universitaria”. Así mesmo, Rey Varela sinalou a gran capacidade industrial da cidade naval “apoiada na súa potencialidade investigadora, eixe onde temos como referencia o noso campus universitario”. Ademais, o alcalde defendeu os sectores produtivos da cidade, nomeadamente o naval, e mostrou o seu apoio ás medidas de presión que sexan necesarias para que o Goberno de España tome decisións para o presente e futuro da nosa cidade”. Por último, o primeiro edil da cidade felicitou
ás premiadas polo “voso esforzo, a vosa constancia vense recompensadas coa entrega destes galardóns”.











