Entrega de diplomas do curso “Xestión dun comercio”

Entrega de diplomas aos participantes no obradoiro
O Fórum Carballo vén de acoller o acto de entrega de diplomas do curso “Xestión dun comercio” dirixido a usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) e que finalizaron con aproveitamento un total de 18 persoas. Presidiu a cita o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, que lle desexou aos participantes que “atopen traballo o antes posible” para que a súa relación coa BDT sexa para mellorar a súa situación laboral pero non dende o desemprego. Os responsables da Bolsa de Traballo explican que os alumnos e alumnas quedaron moi satisfeitos coa acción formativa, especialmente coa parte práctica na que puideron vivir de primeira man casos de xestión de stocks, operacións de caixa, presentacións de produto ou simulacións de venda e dinámicas de grupo.
O curso “Xestión dun Comercio”, de 60 horas de duración, estivo dirixido a demandantes de emprego con experiencia no sector comercial e que queiran traballar no futuro como dependentes ou como xestores do seu propio negocio. A iniciativa afondou nas habilidades e coñecementos necesarios para a xestión dun establecemento de venda de cara ao público. Hai que subliñar que a BDT continuará nos próximos días coa súa oferta formativa para desempregados co obxectivo de axudar aos veciños e veciñas a mellorar a súa situación laboral. Entre os contidos que se abordaron en “Xestión dun comercio”, están a estratexia e viabilidade do negocio; a organización dos procesos de venda e as técnicas empregadas, como a venda online; as operacións auxiliares á venda, como informatización do comercio, presentación de produto, seguridade, recursos humanos ou almacenaxe; e información e atención ao cliente/consumidor-a/usuari@.
O próximo curso titúlase “Plan Xeral Contable”, tamén terá 60 horas de duración e está previsto que a acción formativa dure tres semanas a partir do luns 11 de novembro en horario de 9.00 a 13.00 horas. Está dirixido a usuarios e usuarias da BDT, con perfil académico de ciclos formativos medios ou superiores (FPII, Diplomaturas, Licenciaturas, Graos, etc.) en temas relacionado coa contabilidade (Administración e Finanzas, Empresas, Economía, Administrativo, etc.). Trátase dunha actividade eminentemente práctica e a BDT xa ten enviando as notificacións ás persoas que encaixan neste perfil para poder finalizar a selección. Pode obterse máis información no Fórum Carballo, na Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n do barrio da Milagrosa. O teléfono de contacto é o 981 709 010.











