Entran na súa recta final as obras de humanización da avenida de Vigo, en Ponte Caldelas
As obras de humanización da Avenida de Vigo, en Ponte Caldelas, entra na súa fase final co asfaltado da calzada e a colocación dos novos farois nesta rúa comercial. Operarios da empresa adxudicataria, Construcións Pérez Abilleira, provistos da maquinaria pesada necesaria para efectuar o labor, realizan unha renovación completa do pavimento existente a través da aplicación de asfalto en quente.
Con estas obras, que alcanzan un presuposto global duns 93.000 euros, dos que a Consellería de Economía e Industria sufraga o 75% do total do importe, o Concello de Ponte Caldelas pretende mellorar o aspecto urbano, a accesibilidade e dinamizar o comercio local existente nesta zona aproveitando os Fondos Feder da Unión Europea.
Os traballos consideran a construción de 2 pasos de peóns elevados, un fronte ao parque infantil e outro ao comezo do paseo do río. Ademais substituíuse toda a antiga beirarrúa no ámbito do parque infantil (cale Rosalía de Castro e Concepción Areal), que se encontraban moi deterioradas, incorporando o ámbito do parque infantil o proceso de modernización levado a cabo noutras zonas comerciais da vila. Así mesmo dótase á Avenida de Vigo de novos farois, similares ao resto da zona urbana, en substitución das existentes nas fachadas, que van ser retiradas.
A fase final contempla, unha vez finalizado o asfaltado da calzada, o pintado, sinalización e ordenación das prazas de aparcadoiro existentes que provocará que só se poida estacionar nunha das marxes da vía, toda vez que o ancho da rúa non permite facelo en ambos os dous lados. O que se pretende é que o aspecto desta zona estea acorde coas demais rúas do ámbito, tanto no pavimentado como nas beirarrúas e farois ao tempo que se mellora a seguridade vial.
Estas obras continúan ao ritmo previsto polo alcalde, Perfecto Rodríguez, quen se comprometera cos comerciantes e veciños da zona a ter as obras finalizadas antes do inicio da campaña de nadal.
Ademais, a empresa adxudicataria das obras, Construcións Pérez Abilleira, acometeu xa a primeira fase de pintado das rúas do centro da vila e, agora, rematará con este proceso ao longo da próxima semana, tal e como ofrecera, como mellora, na súa oferta para conseguir o contrato da execución dos traballos de humanización da Avenida de Vigo.
Por outra parte, o alcalde Perfecto Rodríguez manifestou a súa satisfacción pola rapidez coa que Construcións Pérez Abilleira está a realizar a obra contratada o cal permite ao Concello cumprir co compromiso adquirido polo rexedor, na Mesa Local de Comercio e cos veciños da zona, para que os traballos se realizasen antes das datas do Nadal e causando o menor trastorno a comerciantes e residentes nestas rúas sobre as que se está a realizar esta actuación.











