publicidade hoxe

Declaración institucional de proposta contra a violencia de xénero en Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCee
A-
A+

Neste día 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, a CORPORACIÓN e todas as persoas que traballan neste Concello, queremos manifestar a nosa máis absoluta condena ante as situación de violencia que, aínda que pareza inconcebible, seguen produciéndose, ao tempo que expresamos a nosa máis sincera solidariedade para coas vítimas e os seus familiares.

Nesta data recordamos as vítimas, damos datos, constatamos que aínda queda moito por facer. As mulleres seguen morrendo ano tras ano por esta violencia machista, seguen sufrindo na súa vida e na dos seus fillos e fillas agresións físicas, psicolóxicas, económicas, sociais,….. seguen vivindo, demasiadas veces en silencio, un inferno do que é moi difícil escapar.

A violencia machista é a manifestación máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na nosa sociedade.

Consideramos que a violencia que se exerce contra as mulleres segue a ser un problema global, que ten as súas raíces na estrutura dos sistemas sociais, nos costumes, nas pautas e valores culturais que asignan ás mulleres unha posición inferior e subordinada na familia, no traballo e na sociedade.

Malia os esforzos realizados nos últimos anos e o desenvolvemento lexislativo, estamos a ver como a situación de desemprego está empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á súa vulnerabilidade ante a violencia machista. A dependencia económica é o maior dos obstáculos para que as vítimas de violencia de xénero rachen coa relación que pon en perigo as súas vidas.

Os poderes públicos non podemos estar á marxe desta problemática, non podemos pechar os ollos e limitarnos a lembrar hoxe as vítimas. Temos que ir máis alá e tomar conciencia de que, en pleno século XXI, a violencia de xénero segue a ser, por desgraza, un dos retos máis difíciles e importantes aos que se enfronta a nosa sociedade.

E todas e todos nós estamos implicados.

Todas e todos nós temos a obriga de amosar a nosa repulsa, denunciala e mobilizarnos.

Constitúe un dos obxectivos desta CORPORACIÓN MUNICIPAL, reflexionar e afondar na importancia da loita contra a violencia de xénero. Para isto foméntanse medidas de prevención, sensibilización, tratamento integral e protección das persoas vítimas da violencia de xénero, así como da súa inserción laboral unha vez detectada a situación que as precise.

Por todo o anterior, todos os membros desta CORPORACIÓN manifestamos a nosa contundente repulsa a estes actos violentos e a nosa máis firme condena aos que os acometen, e suscribimos este Manifesto contra a Violencia de Xénero porque queremos neste día, render unha pequeña homenaxe a todas as vítimas de violencia machista, a todas as persoas que loitan por devolver a dignidade aos afectados e afectadas, aos que sofren as consecuencias da violencia, e a todas as persoas mulleres e homes, que traballan para crear conciencia contra as actitudes dominantes e represivas dos agresores e fan recuperar ás vítimas a liberdade que se lles nega.

Queremos deixar constancia do noso compromiso persoal nesta loita contra calquera acto que atente contra a integridade e dignidade das persoas, e defender una sociedade xusta e paritaria na que as mulleres e homes poidamos participar equilibradamente en todos os ámbitos e tomar conxuntamente as decisión que nos afecten.

Vivir sen violencia é un dereito.

25 de novembro de 2013 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.