Curso de iniciación á astronomía e programa “Durmiendo con quenllas” na Coruña
A Xunta de Goberno Local, por proposta da Concellaría de Cultura, aprobou a realización de dúas actividades que sempre xeran grande expectación e que contribúen á promoción dos Museos Científicos Coruñeses: o curso de iniciación á astronomía no Planetario da Casa das Ciencias e o programa Durmiendo con quenllas que se desenvolverá no Aquarium Finisterrae. En ambos os dous casos, o prazo de inscrición abrirase en próximas datas.
O curso de iniciación á astronomía celebrarase no Planetario da Casa das Ciencias durante catro días, en horario de 19.00 a 21.00 horas. A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, dirixe este curso práctico, sobre todo, a persoas sen coñecementos previos na materia e que desexen aprender a gozar da astronomía a simple vista.
Os asistentes adquirirán coñecementos para recoñecer os planetas, as estrelas e as constelacións máis destacadas, e interpretar os seus movementos no firmamento. Para este curso ofértanse 75 prazas e non supoñerá un custo adicional para as arcas municipais posto que será impartido por un técnico e un operador de audiovisuais dos Museos Científicos Coruñeses.
O Concello fixou, de acordo aos informes técnicos, unha taxa de inscrición de 20 euros para o público en xeral e de 10 euros para maiores de 65 anos, menores de 14, titulares do carné novo e membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e da Asociación Astronómica Coruñesa IO. Co obxectivo de dar continuidade aos coñecementos adquiridos e de fidelizar aos visitantes, os participantes obterán, ao formalizar a súa inscrición, unha tarxeta VENTE de acceso anual aos museos.
Na Xunta de Goberno celebrada esta semana, o Concello tamén acordou, por proposta da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, unha segunda medida para promover os Museos Científicos Coruñeses. En concreto, autorizouse á Asociación de Amigos da Casa das Ciencias a organización do programa Durmiendo con quenllas no Aquarium Finisterrae. Esta entidade quedará exenta de aboar as taxas polo uso de instalacións municipais para así abaratar a actividade, declarada de interese cultural e social. Ademais, contará coa colaboración do persoal do Aquarium. Como acontece no curso de iniciación á astronomía, esta iniciativa non supoñerá custos engadidos para o Concello.
A actividade dirixirase a nenos de entre 7 e 11 anos e que participarán en grupos dun máximo de 20 persoas entre as 19.00 horas e as 11.00 horas do día seguinte. As sesións celebraranse durante as vacacións de Nadal e incluirán, ademais de talleres e actividades educativas, durmir pola noite na Sala Nautilus. Para cubrir os gastos de manutención e seguro, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias encargarase de fixar un prezo por neno para participar no programa Durmiendo con quenllas. Ademais, estableceranse bonificacións para os socios da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e para os titulares da Tarxeta 20.











