Curso de formación sobre “produción silvestre de cogomelos e iniciación á micoterapia”
Manuel Fernández López, concelleiro delegado de Actividade Agraria e Medio Ambiente, anuncia que “a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a realización dun curso de formación sobre “Produción silvestre de cogomelos e iniciación á micoterapia”, que se desenvolverá na semana do 25 ao 30 de novembro”.
A dita acción formativa cunha duración de 15 horas impartirase nas instalacións municipais do albergue xuvenil de Mouriscade, en horario de 18.30 a 20.30 horas os catro primeiros días e de 18.00 a 21.00 horas o venres. A última sesión, a do sábado, incluirá unha saída ao monte en horario de 10 a 14 horas.
As persoas interesadas en participar poden anotarse na Oficina de Medio Ambiente do Concello (Oficina Agraria) ou ben dirixir a súa solicitude ao correo electrónico medioambiente@lalin.org.
Cinco son os obxectivos deste curso de formación que promovido pola Concellería de Medio Ambiente impartirá a empresa especializada “Hifas da Terra”, entidade experta en micoloxía e medio ambiente: explicarlles aos participantes as principais especies de cogomelos que medran no monte; ampliar o coñecemento das especies de fungos silvestres; iniciar aos asistentes no coñecemento das principais clases de cogomelos beneficiosas para a saúde; entender a importancia da micorrización de árbores en viveiro e en monte e a de potenciar a multifuncionalidade do monte no referente á produción de madeira e cogomelos e gozar cociñando con cogomelos silvestres, de cultivo e castañas.
O edil de Medio Ambiente explica que “o curso de formación de micoloxía aplicada estaría integrado, ao igual que o ano pasado, por clases teóricas cun gran compoñente práctico, tentando así transmitirlle aos participantes unha idea clara e sinxela da riqueza micolóxica dos montes lalinenses”. “Trátase de poñer en valor a importancia que ano tras ano ten a colleita de cogomelos no monte, así como a súa conservación e o aproveitamento de cogomelos como ingreso complementario nas economías domésticas, ao igual que pode ser a castaña”, precisa.
“Como novidade deste ano farase unha xornada de “mush-room” coa que se pretende introducir ás persoas asistentes no mundo da micoterapia para que coñezan as posibilidades medicinais que ofrecen as diferentes especies”, remarca. Mostraranse as nocións sobre as características moleculares básicas responsables das propiedades terapéuticas, achegando á xente ao mundo da micoterapia dun xeito sinxelo.
Tamén incluímos como parte final do “mush-room” unha degustación de alimentos ecolóxicos e naturais libres de glute, conservantes, produtos químicos e edulcorantes, alimentos “mimados” con cogomelos tales como reishi, champiñón de sol, cordyceps sinensis, maitake, cantarela e shiitake.
Ademais da base teórica, o curso terá un gran compoñente práctico e dinámico. Ademais da saída sabatina ao monte para o recoñecemento de especies de cogomelos presentes nos diferentes ecosistemas de Lalín, haberá unha práctica de micorrización con Boletus edulis en especies frondosas, tales como castiñeiro e o carballo, e con Lactarius deliciosus nun piñeiral e un obradoiro de cociña con cogomelos cultivados e recollidos nos nosos montes por persoal cualificado de “Hifas da Terra”.
PROGRAMA DO CURSO
Luns 25 de novembro
18.30-20.30h Cogomelos comestibles máis coñecidas de praderías; X.Macrolepiota, X. Coprinus, X. Agaricus Cogomelos velenosos; X. Lepiota, X. Amanita, X.Agaricus,X.Cortinarius, X. Lactarius.
Martes 26 de novembro
18.30-20.30h
Principais xéneros de cogomelos comestibles que crecen nos montes de Galicia. X. Boletus, X.Cantharellus , X. Russula, X. Lactarius e X.Hydnum Teoría sobre técnicas de micorrización
Mércores 27 de novembro
18.30-20.30h
“Mush-room” con degustación para estimular os nosos sentidos; Cogomelos&Mel, Cogomelos&Chocolate e Tartaletas de marmelo de Shiitake e nata cun toque de canela. Descubre o que os cogomelos poden facer por ti. Principais especies de cogomelos con propiedades terapéuticas e os seus usos.
Xoves 28 de novembro
18.30-20.30h
Repoboacións de castiñeiros micorrizados para a produción de madeira, castaña e Boletus. Marcos de plantación, preparación do terreo, abonado, desbroces,… O mantemento das plantacións de castiñeiros: poda de formación, coidados selvícolas, entresacas, tratamentos fitosanitarios, control da vexetación competidora. O apañado da castaña nos soutos. Sistemas de comercialización e variedades de castaña.
Venres 29 de novembro
18.00-21.00h
Obradoiro de cociña : “Degustando cogomelos e castañas”
Sábado 30 de novembro 10.00-14.00h
Saída ao monte para apañado de cogomelos. Formas de recolección e selección. Material empregado para realizar un apañado sostible dos cogomelos e unha conservación dos micelios produtivos. Manexo da clave dicotómica. Práctica: Micorrización en monte con Boletus edulis e Lactarius deliciosus.











