Culleredo inicia a instalación da iluminación do Nadal con 80 elementos por todo o municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

A iluminación de Nadal do Concello de Culleredo comeza a verse nas rúas do municipio. O goberno municipal comezou a instalar os diferentes elementos de iluminación, que se acenderán o próximo 6 de decembro.

Ao redor de 80 elementos lumínicos darán cor ás rúas de todo o municipio, tanto no ámbito urbano como no rural. A concelleira de Promoción Económica, Marta Iglesias, explica que a maior presenza terá lugar naquelas zonas que albergan maior actividade comercial. Así, as rúas peonís do Burgo, onde se concentran boa parte dos comercios de Culleredo, dispoñerá de elementos específicos. O mesmo acontecerá na praza de Europa, onde ademais concluirá a cabalgata de Reyes.

Os principais accesos ao municipio saudarán así mesmo os visitantes con arcos lumínicos co rótulo de “Boas Festas”. Estarán emprazados en Vilaboa, Fonteculler, ou Portádego e O Burgo. As rotondas dende O Burgo ata Fonteculler tamén contarán con elementos especiais, ao igual que as fachadas de edificios municipais, como a Casa do Concello. Polo demais, colgaranse 63 arcos de iluminación ao longo de todo o municipio, incluíndo as parroquias de corte máis rural.

Os arcos serán de tecnoloxía LED, seguindo a liña de aforro enerxético que propugna o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDEA) e que asume o Concello de Culleredo. A instalación desta iluminación está financiada pola Deputación da Coruña. A iluminación do Nadal funcionará ata o próximo 6 de xaneiro.

A concelleira destaca o esforzo do Concello por manter a iluminación ao considerar que responde á necesidade de “potenciar” o comercio local. Complementarase coas diferentes accións que leve a cabo o Concello, en acordo cos comerciantes, para que a campaña do Nadal sirva como “revulsivo” para os negocios máis próximos.

Igrexas apunta que coa iluminación busca animar os cidadáns a visitar Culleredo e especialmente as súas zonas comerciais e de esparexemento. “Buscamos crear un ambiente agradable, que invite a ir a Culleredo, cheo de cor e tamén de moitas actividades e promocións,” avanza.

20 de novembro de 2013 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.