publicidade hoxe

Culleredo formará en habilidades emocionais aos alumnos da Universidade Laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

As habilidades emocionais e sociais son o obxecto do novo programa educativo que leva a cabo este ano o Concello de Culleredo. Consiste nunha iniciativa para mellorar as relacións interpersoais dirixida aos alumnos de 15 a 17 anos de PCPI (Programas de Cualificación Profesional Inicial) da Universidade Laboral.

Esta formación non será cuestión de breve prazo: desenvolverase durante todo o curso, a razón de dúas sesións semanais dunha hora de duración. O taller xa comezou e prolongarase ata o mes de xuño de 2014, coa asistencia de máis de 40 mozos destas ensinanzas.

Trátase dunha colaboración establecida entre a Concellaría de Educación e a dirección e orientación do centro escolar coa finalidade de que os alumnos adquiran comportamentos eficaces que lles favorezan o desenvolvemento axeitado de relacións interpersoais.

A concelleira de Educación, Carmen Varela, apunta que con esta formación se busca proporcionar habilidades para afrontar problemas de autoestima, de seguridade persoal, relacións difíciles no ámbito familiar, dificultades de relación entre iguais, ou ansiedade fronte a situacións específicas.

O taller abordará aspectos como habilidades para a interacción social e estratexias para afrontar novas situacións e habilidades relacionadas coa parte emocional. Trátase de axudar o alumno a que poida establecer relacións positivas cos que o rodean.

Estas condutas adaptativas son as que lle axudarán, nun presente e no futuro, a mellorar a autoestima, a resolución de problemas, a responsabilidade, a empatía, saber dicir non, etc.

19 de novembro de 2013 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.