Culleredo forma en defensa persoal aos profesionais de emerxencias
O exercicio da profesión no campo das emerxencias sanitarias leva consigo en ocasións situacións de risco no trato persoal. Para apoiar os profesionais na súa protección, o Concello de Culleredo colabora coa Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias (ASGAte) no desenvolvemento dunha acción formativa sobre defensa persoal.
A iniciativa terá lugar mañá, sábado 16 de novembro, no centro social de Fonteculler, en horario de 10.00 a 13.00 horas. O curso, que se celebra por primeira vez, leva por título “Aprende a protexerte ante unha agresión”.
Ademais da profesionais de emerxencias sanitarias, o curso vai dirixido tamén a técnicos de servizos sociais, outra das áreas de atención ao público que poden demandar este tipo de competencias.
Nas sesións participarán máis de 20 profesionais. Estarán impartidas polo experto Adrián Traba (terceiro grao técnico de Wing Txun).
A concelleira de Sanidade, Penélope López, destaca que a acción pretende “a adquisición de habilidades básicas para a autodefensa” para un persoal que está en contacto continuo con situacións de risco. A asociación ASGAte informa de que estas agresións se incrementaron nos últimos tempos, razón que motiva esta acción para colaborar na protección dos profesionais sanitarios e de servizos sociais.











