Culleredo adapta para os dispositivos Android a aplicación móbil municipal
A aplicación móbil do Concello de Culleredo aumenta os seus usuarios potenciais. Tras pór en marcha de forma inicial a versión para dispositivos Apple, o goberno local ha adaptado a app para os móbiles con tecnoloxía Android e así facela máis accesible para os veciños cullerdenses. A aplicación xa está dispoñible en Google Play. Pódese descargar, de forma totalmente gratuíta, tecleando “Culleredo” no buscador da mencionada páxina.
O Concello de Culleredo é pioneiro en Galicia en pór en marcha unha aplicación dunha administración local para móbiles. O obxectivo consiste en crear unha nova forma de comunicación co cidadán nun medio de cada vez maior implantación e que ademais permite consultas sinxelas desde calquera lugar.
A aplicación consta de seis apartados fundamentais:
· Noticias. Ofrece a actualidade municipal, tanto a nivel de noticias como de eventos de axenda ou de información do taboleiro municipal.
· Fotos. Conxunto de fotografías dos principais espazos de Culleredo. A aplicación aproveita as funcionalidades nativas do terminal e permite no momento de ver unha imaxe, ben gardala, copiala o enviala por correo electrónico.
· Directorio. Información de servizos dos diferentes departamentos municipais. Ofrece a posibilidade de chamar directamente e de observar se geoposición, coa funcionalidade de enlazar co navegador do teléfono para chegar a el.
· Culleredo. Reportaxe turística do Concello. A aplicación está pensada tamén para posibles turistas e visitantes, como un portal de entrada ao municipio.
· Suxestións. Apartado para enviar suxestións, queixas ou reclamacións ao goberno municipal.
· Incidentes. Sección que promove a participación cidadá para a mellora do municipio. Os veciños poden reportar instantaneamente de calquera dano que atopen nas rúas, enviando unha foto e describíndoa en texto para que o Concello tome cartas no asunto.
A aplicación complétase cun apartado sobre o Plan Dinamo, financiado con fondos europeos FEDER, programa que propiciou este desenvolvemento. Ademais, conta con información sobre o estado meteorolóxico de Culleredo e un saúdo do alcalde.
O goberno de Culleredo anima aos veciños a acceder a esta aplicación para contar cun contacto directo co Concello. Ten ademais un uso moi sinxelo para fomentar o seu emprego de forma cotiá. Este desenvolvemento únese á recente actualización do deseño da páxina web municipal e á posta en marcha da sede electrónica. O equipo de goberno aposta por “moverse ao ritmo que marcan os cidadáns”, incrementando as canles de comunicación e promovendo a interactividade.











