publicidade hoxe

Créanse 115 postos de traballo cos obradoiros desenvolvidos na Terra Chá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

A delegada territorial, Raquel Arias, participou hoxe na entrega de diplomas do obradoiro de emprego Xergoriz, impulsado conxuntamente polos concellos de Guitiriz, Begonte e Xermade. A delegada subliñou que a Consellería de Traballo e Benestar creou este ano 115 postos de traballo a través dos 4 obradoiros de emprego impulsados na Terra Chá, que involucraron a sete concellos e suman un investimento de arredor de 835.000 mil euros.

Raquel Arias defendeu o novo modelo que prima a presentación de proxectos conxuntos entre varios municipios porque “significa coordinar accións e reducir custos, permitindo o acceso do maior número posible de persoas desempregadas”.

No caso do obradoiro Xergoriz, contou con 25 alumnos traballadores máis cinco membros no cadro de persoal, entre monitores, persoal de administración e de dirección. Supuxo un investimento de 220.414 euros por parte da Xunta de Galicia e ofreceu formación en albanelería.

Arias estivo acompañada polos respectivos alcaldes, José María Teixido (Guitiriz), José Ulla (Begonte) e Tomás Rodríguez Arias (Xermade), ante os que subliñou a necesidade de seguir sumando sinerxías que procuren a creación de postos de traballo a nivel local. Ao respecto, indicou que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xerar postos de traballo e “os concellos xogan un importante papel para detectar e aproveitar estes nichos de emprego no seu ámbito”.

Os participantes do obradoiro levaron a cabo a rehabilitación da escola unitaria de Pígara e a instalación dunha fosa séptica en nave en Senpa (no municipio de Guitiriz), o pechamento da fachada dun pavillón deportivo e a construción dun centro social en Viris (no municipio de Begonte), e o acondicionamento de naves no campo da feira de Momán (no concello de Xermade).

Os obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 18 e teñen unha duración de seis meses, durante os cales os alumnos traballadores perciben un salario e adquiren unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral.

Esta filosofía de “aprender traballando” permite ademais que os obradoiros realicen obras e servizos de interese para os concellos que os albergan, aspecto que tamén apuntou Arias durante a súa visita. “En xeral –afirmou- estes proxectos abren un importante espazo de colaboración cos concellos, que son os que mellor coñecen tanto o seu potencial como as súas necesidades”.

28 de novembro de 2013 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.