Corenta veciños de Frades participan nas charlas sobre eficiencia enerxética no fogar e normas de circulación para os peóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Veciños participantes na charla

Veciños participantes na charla

Un total de corenta veciños e veciñas de Frades encheron na tarde de onte martes o multiusos José Botana para participaren en dúas charlas formativas gratuítas sobre eficiencia enerxética no fogar e sobre normas de circulación, organizadas polo Concello de Frades en colaboración coa Asociación de Amas de Casa de Frades e coa Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria, respectivamente.

Unhas sesións que estiveron presididas polo alcalde de Frades, Roberto Rey, quen celebrou “o interese espertado por estes temas e que se reflectiu nunha alta participación veciñal, que aproveitaron as xornadas para resolver as súas dúbidas tanto sobre as facturas da luz e sobre o consumo dos seus electrodomésticos no fogar, como para recibir pequenos consellos que poden evitar lamentables accidentes. Ademais, todos eles levaron un chaleco reflíctante de agasallo, o que mellorará a súa seguridade á hora de camiñar e noite polo municipio”.

O próximo curso que se celebrará en Frades é o de manipulador de alimentos, que terá lugar tamén no multiusos José Botana o 13 de decembro e que permitirá aos participantes conseguir ou renovar este carné. Nesta ocasión, o curso non é de balde, senón que o prezo da matrícula é de 22 euros. Os veciños e veciñas que estean interesados en participar aínda poden anotarse na Casa do Concello ou no 981 695 567.

27 de novembro de 2013 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.