Corenta veciñas participan no curso de coidados en pacientes con úlceras por presión
Un total de 40 veciñas do Ortegal participan mañá na nova entrega do programa “Muller e saúde” que consistirá nun taller formativo destinado a coidadores/ás de persoas con úlceras de presión. A iniciativa é froito da colaboración entre o CIM de Ortigueira e a Escola Galega de Saúde para cidadáns.
O curso, impartido por Juan Santiago Cortizas, enfermeiro do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide, desenvolverase no Centro de Participación Social de Ortigueira (Antigo Hospital de San Roque) a partir das 16:30 h e está especialmente dirixido aos que se ocupan do coidado de veciños con problemas de dependencia.
Na sesión, cunha duración de tres horas, abordarase a importancia das úlceras de presión como principal problema nas persoas encamadas, factores e zonas de risco, ademais de incidirse na prevención das UPP. O reto, mellorar as habilidades dos coidadores formais e informais de pacientes no manexo das úlceras por presión tanto na prevención coma no coidado.
Destacan dende o CIM o excelente traballo desenvolvido a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente da Xerencia do Sergas e a boa acollida brindada polos veciños aos cursos ofertados ata o momento (primeiros auxilios, cancro de mama, menopausa…). De feito, no que vai de ano participaron xa nas actividades 170 persoas.
A programación incluirá a próxima semana, con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero, un taller sobre prevención deste tipo de violencia e, tal e como apuntan dende o organismo dependente da Concellaría de Benestar Social, xa se solicitaron novas actividades de saúde para o próximo semestre











