Convocatoria das axudas da Fundación Deporte Galego para os deportistas de alto nivel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A Fundación Deporte Galego publica no Diario Oficial de Galicia o anuncio da convocatoria das axudas a deportistas galegos de alto nivel no 2013. As bases da convocatoria atópanse na páxina web www.deporte.xunta.es e o prazo de presentación das solicitudes rematará o vindeiro venres 29 de novembro, e a súa resolución definitiva está estimada para finais de decembro.

Estas axudas teñen como principal obxectivo apoiar os deportistas galegos máis destacados no ámbito nacional e internacional e incentivar a súa dedicación ao deporte de alto nivel. Cun orzamento inicial de 300.000 euros, establécense dúas liñas de actuación: axudas para deportistas olímpicos e paralímpicos, e axudas DGAN.

No ámbito das axudas aos deportistas olímpicos e paralímpicos galegos teranse en conta as clasificacións nos pasados Xogos de Londres 2012. Deste xeito, aqueles que obtiveron a medalla de ouro poderán recibir ata 9.000 euros, 7.000 pola medalla de prata, e 5.000 pola de bronce. Engádese, tamén, unha axuda especial que premia a participación nestes Xogos. Galicia concede iguais axudas aos deportistas olímpicos e paralímpicos, criterio este que ten por obxectivo fomentar a integración deportiva en igualdade de condicións.

Por outra banda, ás liñas de axuda DGAN poderá optar quen no 2013 sexa Deportista Galego de Alto Nivel. Neste punto, avalíanse os resultados obtidos nos campionatos nacionais e internacionais do 2012, e as axudas individuais poderán chegar ata os 4.000 euros. Deste modo, a Xunta de Galicia incentiva que os deportistas de máximo nivel poidan percibir unha contía que lles axude de xeito máis efectivo nas súas metas.

O pasado ano, 170 deportistas beneficiáronse das axudas DGAN.

14 de novembro de 2013 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.