Convócanse bolsas para facilitar o estudo na Escola de música a menores con recursos limitados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira, por proposta da Concellaría de Cultura, acaba de aprobar para o curso 2013- 2014 un programa de axudas de estudo na Escola municipal de Música. O obxectivo deste é garantir que calquera neno/a da localidade con inquietudes musicais poida asistir ás clases, independentemente da situación económica da súa familia.

No actual momento de crise, a Concellaría de Cultura impulsa estas axudas para facilitar que os menores ortigueireses que teñan interese en cursar estudos musicais no centro existente na Vila poidan facelo, sen que as dificultades económicas familiares constitúan un obstáculo.

Para iso, convócanse estas bolsas polo importe total da taxa que o alumnado debe aboar para asistir ás clases. Poderán beneficiarse destas axudas os estudantes, con idades comprendidas entre os 3 e os 15 anos, que estean empadroados e residan no municipio, e cuxas familias acrediten uns ingresos que non superen os 3.000 euros anuais de renda per cápita.

Xunto a isto, esixirase ao alumnado un “axeitado rendemento” escolar, entendendo que, en caso de inasistencia reiterada ou escaso rendemento, daría lugar á revogación da axuda e a devolución de parte ou a totalidade das cantidades percibidas.

As axudas poderán solicitarse ata o 31 de decembro no Rexistro xeral do Concello de Ortigueira, debendo achegar os solicitantes, ademais do impreso de solicitude debidamente cuberto, fotocopia do DNI dos membros da unidade familiar, fotocopia do libro de familia, xustificación documental dos ingresos familiares e resgardo de matrícula.

Á marxe deste programa social, dende a Concellaría de Cultura recórdase que, con carácter xeral, ao segundo alumno da mesma unidade familiar se lle aplica na taxa unha bonificación do 25%, que será do 50% cando o matriculado sexa o terceiro membro dun grupo familiar e do 75% cando sexa o cuarto. Os quintos e sucesivos alumnos dun grupo familiar quedarán exentos de taxa.

8 de novembro de 2013 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.