Continúa aberto o prazo de solicitude da campaña “Agasallos de Nadal 2013″ en Ferrol
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, mantén aberto o prazo de solicitude para beneficiarse da campaña “Agasallos de Nadal 2013”. Esta achega municipal ten como obxectivo fomentar a igualdade dos nenos e nenas pertencentes a familias con escaseza de recursos económicos. Así, ata o vindeiro mércores, día 27 de novembro, pode ser presentada a solicitude no Rexistro Xeral do Consistorial e a lista definitiva de beneficiarios será publicada o 16 de decembro, día en que tamén serán repartidos os vales.
As melloras que presenta a convocatoria deste ano con respecto ás anteriores son principalmente dúas: o aumento da franxa de idade dos posibles beneficiarios e o incremento da partida económica destinada a esta bolsa de agasallos no Nadal. Así, os menores dende os 0-1 anos ata aqueles que non teñan cumpridos os 13 anos o vindeiro 6 de xaneiro de 2014 poden ser beneficiarios desta achega municipal. En anteriores convocatorias, a franxa de beneficiarios estaba limitada a nenos e nenas con idades comprendidas entre 1 e 12 anos. Así mesmo, mantense que no caso de discapacidade psíquica recoñecida, o tope de idade será de 18 anos. Poderán solicitar estas axudas os representantes legais dos menores –pai, nai e titor/a- que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar empadroado e residir no Concello de Ferrol.
– Convivir cos/as menores para os que se solicita a axuda.
– Que os ingresos económicos da unidade familiar non superen os máximos establecidos nas bases.
– Presentar a solicitude e a documentación en tempo e forma establecida polo Concello de Ferrol.
A segunda das melloras introducidas este ano ten que ver co incremento da partida económica destinada a que os nenos/as de familias con menos recursos económicos non se queden sen agasallos nestas datas de Nadal. Así, o orzamento xeral que destina a Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol para “Agasallos no Nadal 2013” ascende ata os 40.000 euros, o que supón un incremento algo superior ao 30% con respecto á última convocatoria do mandato anterior que foi no 2011 cunha contía de 27.550 euros. A axuda máxima para cada menor é de 50 euros, que se fará efectiva a través dun vale que se troca por xoguetes, cd´s, libros, roupa deportiva, artigos de deporte, ou calquera material ou instrumento relacionado coas novas tecnoloxías (consolas, ordenadores…) nas entidades comerciais ferrolás.











