Congreso sobre Jorge Juan y Santacilia “As innovacións da armada na España do século XVIII” en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado, presentou esta mañá o Congreso sobre Jorge Juan y Santacilia “As innovacións da Armada na España do século XVIII” que se celebrará do 3 ao 5 de decembro no Salón de Actos do Campus Universitario de Ferrol. Estas xornadas están organizadas polo Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña e forman parte das diferentes actividades conmemorativas do terceiro centenario do nacemento de Jorge Juan que a Administración ferrolá realiza dende o pasado mes de maio. O edil ferrolán estivo acompañado pola vicerreitora do Campus de Ferrol, Araceli Torres Miño.

O congreso ten por obxecto ofrecer un achegamento ao período da Ilustración tendo como fío condutor a brillante figura do enxeñeiro naval. García Hurtado explicou que se analizará a transformación que o século XVIII representou, tanto para as cidades como para a Armada, a construción naval e os arsenais. Así mesmo, o concelleiro destacou que as conferencias estarán abertas a toda a cidadanía e serán abordadas “dunha forma amena e atractiva polos principais especialistas nacionais nestas materias”. Cada unha das sesións, que serán en horario de mañá ou tarde, terá unha duración de 45 minutos e ao seu remate haberá un coloquio e preguntas.

Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol, Araceli Torres Miño, manifestou a boa relación entre a Administración ferrolá e a Universidade da Coruña “coa que conseguimos sacar adiante proxectos conxuntos como a Residencia Universitaria”. Ademais, destacou a importancia do fomento da investigación e innovación como motor para a sociedade actual.

Inscrición gratuíta

Os interesados en participar no Congreso sobre Jorge Juan deberán  formalizar unha inscrición gratuíta no Rexistro Xeral do Concello ou enviar os seus datos -nome, apelidos, enderezo, teléfono e e-mail- ao correo electrónico: cultura@ferrol.es. Esta medida responde ao aforo limitado da sala onde se celebrarán estas xornadas, que é de 180 butacas.

15 de novembro de 2013 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.