Confederación Hidrográfica, Deputación e Concello de Mos asinan un convenio de recuperación do Paseo do Louro

Sinatura do convenio
Esta mañá celebrouse o acto de sinatura do convenio entre Concello, Deputación e Confederación Hidrográfica para a recuperación do paseo do Louro. A sinatura do convenio tivo lugar no salón de sesións da Casa Consistorial mosense coa presencia dos representantes das tres entidades asinantes: Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra; Nidia Arévalo, acaldesa de Mos e Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Tamén asistiu ó acto o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello. Tras a sinatura visitáronse as obras de restauración dun talud.
O convenio para a mellora da marxe do Louro, destinado ó mantemento e conservación da mesma, financiará as obras de acondicionamento cunha cantidade exacta de 860.415,43 euros. O proxecto de recuperación será financiado nun 80% pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil a través dos Fondos Europeos Feder, e no 20% restante pola Deputación de Pontevedra; supoñendo esta obra un custe cero para o Concello de Mos.
Unha vez asinado o convenio de colaboración, o proxecto de rehabilitación do paseo do Louro entra na fase final previa á acometida da obra. A continuación, o seguinte paso a dar é a contratación e comezo xa dos traballos de mellora, que se prevé sexan iniciados de cara á primavera do vindeiro ano 2014. O prazo de execución dos traballos será dun ano. Actualmente o proxecto atópase en fase de información pública e a finais do vindeiro mes de decembro sairá a licitación.
O deterioro da sendeiro ecolóxico do Louro ó seu paso por Mos veu motivado polas crecidas do río e as inclemencias meteorolóxicas que arrastraron a pavimentación e deixaron impracticable o paseo fluvial, e provocaron o derrumbe e socavación das orillas en diversos tramos do río. Neste sentido o obxectivo que se persegue con esta obra na senda do río Louro, segundo declara a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, é “unha solución definitiva para este paseo, que o manteña en bo estado a longo prazo e non requira de reparacións constantes por mor dos desperfectos ocasionados cada vez que se producen condicións meteorolóxicas adversas”. Pola súa banda Francisco Marín explicou que “o obxectivo desta obra é mellorar o entorno do río Louro dende unha perspectiva medioambiental e rehabilitar a senda tan empregada polos veciños e veciñas de Mos”. O presidente da Deputación salientou que “esta se trata dunha obra pensada para as persoas e na que se demostra que a unión, neste caso de administracións, fai a forza”.
Para elo o proxecto de recuperación contempla, entre outras moitas melloras, a instalación dunha superficie sólida no firme do sendeiro que sexa resistente ante as posibles crecidas do río e as inclemencias do tempo. A superficie total de actuación será de 2 kilómetros 700 metros, con anchuras ó longo de todo o paseo que oscilan entre os 2,30 e os 2,50 metros.











