Conclúe a actividade “Cartas de amor: 14 artistas contra a violencia de xénero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os sesenta alumnos de 4º de ESO do IES Agra de Leborís da Laracha participaron durante a xornada de hoxe nun obradoiro que complementou á exposición “Cartas de amor: 14 artistas contra a violencia de xénero” que acolleu o centro de ensino durante as dúas últimas semanas.

A sesión práctica e explicativa desenvolvida no día de hoxe consistiu na realización dunha serie de actividades dirixidas a concienciar á xuventude sobre a igualdade de sexos e provocar o rexeitamento cara os comportamentos violentos nas parellas.

“Cartas de amor: 14 artistas contra a violencia de xénero” é unha actividade promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que consiste nunha mostra de ilustracións gráficas de diversos artistas sobre esta temática.

O Concello da Laracha incluíu esta actividade no programa en torno á conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se celebra o día 25 de novembro.

6 de novembro de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.